O pasado martes, 12 de outubro, foi presentado no faro de Fisterra, ás cinco da tarde, o libro Ara do Mar, publicado pola editorial Eneida, de Luís Sotuela. O acto deume ocasión, guiado polo poeta Alexandre Nerium, de facer unha nova viaxe literaria a ese singular espazo simbólico. As dúas primeiras foron motivadas polos poemarios Vogar de couse (2003) e Nocturnidade do sal (2008), do mesmo autor, e malia que as tres teñan varias cousas en común, esta última cobra para min especial significación. É o mesmo guía, ese buscador da poética do lugar convencido de que só desde a literatura se poden desentrañar os segredos que garda a vila, invisibilizados pola realidade cotiá pero presentes no imaxinario literario. Alexandre Nerium, consciente de que non se pode confiar a visión da súa vila aos arquitectos ou economistas, que as proxectan para os coches e para a ambición, propón facela máis habitable por medio da palabra poética facendo con Fisterra o mesmo exercicio que outros ilustres buscadores fixeron con Bos Aires (Borges), Praga (Kafka), París (Balzac), Manoel Antonio (Rianxo), Rosalía (Terras de Iria), Pessoa (Lisboa) ou Uxío Novoneyra (O Courel).

Pero así como a busca foi singular e individual no caso de Vogar de couse e de Nocturnidade do sal, en Ara do Mar Nerium intenta penetrar no enigma e no misterio de Fisterra mediante unha poética coral, colectiva, convocando 210 escritores de vinte nacionalidades distintas, recorrendo un periodo de tempo desde Chaucer (s. XIV) ata Rosalía Fernández Rial, nacida en 1988. Ofrece, naturalmente, este variado conxunto de voces múltiples lecturas, que permiten apropiarse dos textos según o interese de cada lector. Non obstante o autor, como primeiro e privilexiado lector da obra, elixe como pórtico da súa colectánea dous textos a modo de orientación: un de Lêdo Ivo e outro de Alain Jégou. O do francés é unha rotunda declaración de fe na palabra poética na liña do mellor humanismo que parte do século XV e percorre todas a historia da cultura europea onde odas e baladas, palabra sobre palabra, teñen capacidade para edificar santuarios, tallar o granito e construír monumentos. O texto do brasileiro Lêdo Ivo fala de chegadas e partidas, do comezo e do final, convidándonos a interpretar a vida como viaxe, xerme de mitoloxías e base da maioría dos sistemas relixioso-culturais. Este “homo viator” resultante, xa sexa peregrino, historiador, científico ou poeta proporciónanos unha percepción emocional do espacio ensanchando os horizontes da realidade que cede as súas fronteiras permeables á imaxe literaria. Deste xeito a ancestral lenda da Ara Solis reencárnase na palabra dos escritores de diferentes linguas e culturas na procura destoutra Ara do Mar.

No último tercio do século XVII a aristocracia inglesa, como colofón á educación dos seus fillos, proxectou unha viaxe de formación aos lugares simbólicos da cultura continental. Creouse así unha especie de roteiro cultural ao que deseguida se sumaron distintos países europeos que acaban consagrando un itinerario coñecido como “grand tour”. Goethe e outros grandes escritores canonizan Xenebra, o lago Como, Milán, Venecia, Florencia, Roma ou Nápoles como lugares emblemáticos de cultura. Pois ben, Fisterra con Ara do Mar entra por dereito propio no “grand tour” da actual cultura das viaxes literarias do mundo occidental e o seu autor, Alexandre Nerium, acada a máis alta forma de pertenza a Galicia, escribindo na lingua do pobo e narrando a súa historia. Beizóns, poeta.