“Se volvéramos discutir a construción de pantanos coas mesmas visións que temos hoxe, igual xa non facíamos ningún”, estas palabras, inaceptables nun político electo democraticamente, pronunciounas o presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijóo, durante un acto de homenaxe da patronal coruñesa a Sánchez Galán, o presidente de Iberdrola. E ten a súa razón Feijóo: en tempos de Franco, os movementos sociais só existían na clandestinidade dun país sometido a un réxime de medo e terror. Afortunadamente, e a pesar da Lei Mordaza, á sociedade civil aínda lle resta hoxe o dereito á protesta e á mobilización contra as prácticas corruptas dun goberno que puxo en mans exclusivamente privadas un recurso que debera ser nacional e de todos, como a enerxía que procede do vento.

“Hai dous tipos de reaccións ante un proxecto empresarial, os que de entrada din non, e os que de entrada din si. Nós somos dos segundos. Se se cumpren as leis, se se pode enmarcar dentro da lexislación e o respecto ao medioambiente, adiante. Ese é o slogan”, engadiu Feijóo na mesma xuntanza co CEO de Iberdrola mantida só un mes despois de que a empresa anunciase a súa vontade de construír un megaparque eólico mariño de 600 quilómetros cadrados fronte a Ortegal que afectaría directamente o noso sector de pesca de baixura. Aínda así, e malia sermos gobernados polos emisarios de grandes intereses privados, o goberno da Xunta viuse obrigado a parar a tramitación de novos parques eólicos grazas á presión deses heroicos movementos sociais como O Petón do Lobo, que unicamente coa forza do seu compromiso e do seu esforzo enfrontan a ofensiva combinada da Xunta e as eléctricas.

“Temos que defender o interese do pobo, da nación, a nós non nos interesan os negocios privados, interésannos os negocios públicos”. Estas palabras son do presidente de México, Martínez Obrador, AMLO, e fan referencia á tentativa precisamente de Iberdrola de se facer co negocio da enerxía renovable mexicana, que el pensa que se debe explotar a través de empresas públicas, como PEMEX. Compárense as súas declaracións coas xenuflexións verbais de Feijóo ante uns poderes económicos aos que está disposto a entregarlles un país enteiro, o noso, a un prezo razoable.

A historia dos dous países, a de México e a nosa, faise patente na calidade dos seus dirixentes actuais. AMLO é o continuador dunha tradición populista iniciada na Revolución Mexicana de Villa e Zapata, que se consolidou máis tarde con Lázaro Cárdenas, e que fixo realidade ese mandato que na Constitución Española non é máis que retórica baleira: a de que a riqueza está subordinada ao interese xeral. Neste país, o dominio do Partido Popular aséntase sobre a herdanza de submisión e caciquismo como forma de goberno que deixaron corenta anos de Ditadura. Aqueles bos tempos nos que era posible expulsar das súas terras a milleiros de campesiños por catro pesos para construír un encoro, e que Feijóo, nacido e criado á beira dun deles, semella botar de menos.