Opinión | Algo que declarar

O Nordés ou a Tramontana

Pola súa intensidade e duración, Galicia ten o mellor vento do estado para producir enerxía eólica. O nordés sopra con maior forza e durante máis días ao ano que a tramontana, por poñer un caso. Porén, os cataláns, segundo a súa lexislación do sector eólico, van tirarlle un proveito moito maior ao seu vento como sociedade que nós ao noso. Esta é a conclusión inevitable á que chegamos logo de facer unha lectura comparativa do Plan sectorial eólico de Galicia e o Decreto lei de enerxías renovables que vén de aprobar a Generalitat.

O Decreto catalán procura un funcionamento “extremadamente participado” do sector para minimizar o impacto social dos novos parques eólicos instalados. Así, os proxectos deben ser publicados anticipadamente nos medios de comunicación con maior audiencia da comarca afectada. Do mesmo xeito, o decreto contempla unha participación de ata o 20 por cento no capital do novo parque das persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas que leven vivindo no territorio, cando menos, durante dous anos. Os promotores deberán abrir un diálogo cun mínimo do 50% dos propietarios dos terreos onde van ser instalados os muíños, co fin de retardar o máximo posible a declaración de utilidade pública que implica a expropiación forzosa dos terreos. O Decreto favorece, finalmente, a instalación de miniparques eólicos e o autoconsumo.

Consenso, diálogo, participación e autoconsumo son conceptos todos eles ausentes na norma que rexe a explotación do vento galego desde o 97. Como xa dixemos noutras ocasións, en Galicia, os novos parques eólicos planifícanse como se se tratase dunha operación militar: co máximo secreto posible e cunha agresividade intimidatoria. Os novos parques publícanse unicamente no DOG e a Xunta colabora na ofensiva privatizadora expropiando os terreos dos particulares previa declaración de utilidade pública ou pola vía de urxencia da iniciativa empresarial de especial interese. Os novos parques, que nacen sen ningún tipo de consenso social, son todos eles de capital exclusivamente privado e non teñen obriga de ofrecerlle a ninguén participación no seu negocio. Ademais, no caso de que o parque teña menos de 3 aeroxeradores –con independencia de cal sexa a súa potencia instalada e rendemento económico, que hoxe multiplica por 10 o de hai 24 anos– a empresa promotora estará exenta do pagamento dun canon eólico que supón unha cota irrisoria de 2.300 euros anuais nos parques de 4 ou máis muíños. O cal explica por que a maioría dos novos parques instalados en Galicia teñen, nominalmente, tres muíños ou menos, ampliables mediante fragmentacións e outras argucias xurídicas.

N’Os camiños da vida Adrián Solovio era enviado a París estudar economía política. Entendía Otero Pedrayo que a planificación da vida económica había formar parte das competencias que as novas institucións de autogoberno das nacións asoballadas acabarían por exercer un día. Ese tempo chegou xa para os cataláns, que fan un bo uso del. En Galicia, a Xunta actúa como maître dun sector privado a quen lle entrega en usufruto todo o territorio e os seus recursos.

Tracking Pixel Contents