O 21 de xullo de 2011 o Congreso dos Deputados aprobaba, co voto favorable do PSOE e CiU, o atraso da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos de idade. Así mesmo, o cómputo para calcular a contía da pensión recibida pasaba dos 15 aos 25 últimos anos cotizados. Tres anos antes, no 2008, o mesmo goberno de Rodríguez Zapatero viña de gastar 100 mil millóns de euros nun rescate á banca que nunca foi devolto, practicamente a mesma cantidade que naquela altura se destinaba anualmente á caixa das pensións. Por razóns misteriosas, Zapatero foi sempre considerado un presidente moi de esquerdas, unha estima que pon de manifesto a baixa competencia coa que conta nesa categoría. A nós sempre nos pareceu un presidente máis ben mediano, se ao desastre da súa submisión ao ditado da Troica e ao catecismo social-liberal lle engadimos a súa catastrófica xestión do Estatut catalán, primeiro chapodado no Congreso e logo aniquilado no Constitucional, nunha sucesión de desatinos que moitos hoxe lamentan tamén fóra de Catalunya. Permanece desde entón, e con resultados desastrosos, o vicio das altas instancias xudiciais do Estado a se inmiscuír en materias que lle deberan competer unicamente ao poder executivo. Volvendo ao rego, compartimos a consideración unánime de que Rodríguez Zapatero é, sen dúbida, un magnífico expresidente do goberno e un referente da esquerda internacional, un altar moral que comparte con Jimmy Carter, outro que elevou moito a súa estatura como estadista unha vez arredado da dirección do estado.

Agora volve anunciar un ministro socialista, Escrivá, a intención do goberno de baixar aínda máis as pensións ampliando o cómputo dos anos cotizados. Presten atención ao delicado uso da semántica: súbese coa intención de rebaixar en realidade. Unha verdadeira peza de ourivería política. Cómpre lembrar que a contabilidade separada da Seguridade Social e das pensións, vinculándoas unicamente aos ingresos polas cotizacións dos traballadores, é unha convención contable recente. O seu obxectivo non é outro que o de culpabilizar a clase obreira da inviabilidade do sistema público de pensións nun país, ademais, cun alto paro estrutural e baixa produtividade económica froito da desertización industrial, e ir creando así as condicións para lexitimar maiores recortes a futuro. As pensións non poden depender unicamente das cotizacións do Traballo, senón do orzamento xeral do estado, á que contribúen os traballadores en máis dun 50% mediante unha recua de impostos directos e, sobre todo, indirectos.

No devalar do gran ciclo de protestas sociais iniciado no 2008, permanece aínda activo nas rúas o movemento dos pensionistas que se manifestou esta fin de semana en Compostela reclamando un dereito que eles xa non van poder gozar: o dun retiro digno para os seus fillos e netos. Moitos non entendían fóra do estado español que, durante a última crise, con máis de cinco millóns de persoas desempregadas na rúa non se producise un enorme estoupido social. Só o auxilio da rede familiar ao redor dos pensionistas explica este paradoxo. O estado e os rentistas non deberían esquecelo.