Malia que as dúas terceiras partes dos libros que circulan polo mundo son traducións, o tradutor, proletarizado e case sempre invisible, xenera pouco entusiasmo na sociedade, que considera o seu traballo como un simple oficio manual de trasfegar o viño en odres novos. Contrasta esta valoración social coa xenerosidade coa que tantos grandes escritores, Hölderlin, Beaudelaire, Borges, Cortázar, Otero Pedrayo, Manoel Antonio etc., se entregaron a esta tarefa. Moi probablemente non teriamos coñecido a Joyce actualmente de non ser pola intervención e veredicto crítico dun gran tradutor, e lector, como Valéry Larbaud, gran mediador entre escritor e sociedade.

Os 14.233 endecasílabos galegos cos que Darío Xohán Cabana nos agasallou con ocasión da súa tradución da obra de Dante A Divina Comedia (Edicións da Curuxa, 2014) constitúen tamén un acto de mediación e xenerosidade ao servizo da construcción do país. Soamente desde esta perspectiva nos podemos explicar o traballo “obsesivo e continuo” que despregou durante tantos anos, “cabreándose con Dante” nun longo diálogo que pasou por sucesivos e variados estados de ánimo coma se dunha convivencia achegada se tratase.

En efecto, cando o traballo do tradutor está traspasado polo rigor e pola paixón o texto resultante supón unha inquietante transformación dos dous idiomas involucrados producindo un novo e sorprendente espazo lingüístico, resultado da fricción provocada entre as dúas linguas.

Xa tiña feito o escritor de Roás unha tradución da Comedia en 1990 que mereceu a medalla de ouro do concello de Florencia con memorable laudatio de Giuseppe Tavani no acto de entrega do premio na cidade italiana. Se este primeiro traballo nos familiarizou coa cultura toscana, a segunda versión supón a incorporación dunha fasquía netamente galega ao orixinal italiano decatándose Darío das limitacións e das afoutezas do propio idioma ao mesmo tempo que traslada á tradución os seus saberes e afectos. Traduzo con esta afirmación o desexo que expresa Darío no prólogo desta segunda versión:

“Acórdaseme sempre, e agora máis aínda, o que dixo hai moito tempo Méndez Ferrín da miña vella tradución da Comedia: que era coma unha catedral simétrica. Ogallá lle pareza que esta nova reproduce con máis precisión os nervios das bóvedas e os arcos das fiestras.”

Dante expresa, nomeadamente desde o canto X ao XXIV do Paradiso, a insuficiencia da linguaxe, incapaz de chegar ás últimas significacións da luz buscada. Cando lemos estas mesmas páxinas na tradución galega de Darío percibimos como propia esta preocupación ata o punto de que o tradutor recorre a numerosos arcaísmos e neoloxismos que non figuran nos repertorios léxicos habituais para expresar esta angueira. Son estes unha boa mostra da loita do tradutor convertido en creador que busca e renova a linguaxe poética traballando nos bordes da significación, nos lindes da linguaxe.

Este atravesar e transitar polos versos de Dante durante tantos anos permítenos, seguindo o seu ronsel, intuír unha teoría da tradución e da lexicografía que Darío non tivo tempo de escribir.

Sorprende que as numerosas traducións do escritor lugués —Os trovadores de occitania (Edicións da Curuxa, 2011), do Cancioneiro de Petrarca (Edicións da Curuxa, 2012), As floriñas de San Francisco (Alvarellos, 2014) ou anteriormente Os tres mosqueteiros de Dumas (Xerais, 2000) etc.— ocupen tan pouco espazo no seu currículo intelectual cando nos proporcionan camiños novos de fecundo diálogo. Unha especie de embaixada comunicativa e cultural de carácter libresco reservada a nacións sen Estado.

Desde logo, se Xerome de Estridón, como tradutor da Biblia, é considerado padre da Igrexa e patrón dos tradutores non estaría de máis que Darío Xohán Cabana fose alomenos cónsul dos intereses intelectuais do humanismo renacentista en Europa. Na embaixada de Galicia.