Asentado finalmente na choiva de hexágonos de Fernández-Albalat e resultado da doazón de diversos artistas e intelectuais, en 1970 nacía en Sada o Museo Carlos Maside de Arte Contemporánea. Ninguén discute xunto co valor do edificio construído ad hoc, a excelencia conseguida por unha colección artística de centenares de obras que resumen a historia e a arte galega contemporánea desde Castelao, de quen o Museo conserva o Álbum Nós ou as caretas de xeso para Os vellos. O propio Maside, Díaz Baliño, Luís Seoane, Colmeiro, Laxeiro, Maruja Mallo, Granell, Asorey, Urbano Lugrís, Reimundo Patiño, Quessada, o grupo Atlántida ou o debuxo humorístico están representados.

O Museo Carlos Maside non é unha illa nin unha entelequia. Nace ligado ao Laboratorio de Formas de Galicia e a dous xigantes da cultura: Luís Seoane e Díaz Pardo. Por iso xunto á grandeza da súa colección hai que pór en valor a filosofía e o proxecto museístico que encerra. Un centro cultural vivo e dinámico para servir o país, unido ao plan de recuperar a memoria e as conquistas interrompidas pola ditadura e cunha intención pedagóxica. Ligado a outras actividades desde o cinema non comercial, a actividade editorial, as conferencias, exposicións ou cesión de fondos, tampouco se explica sen a implicación dos nosos exiliados.

Por todo isto, o Carlos Maside é aínda, logo de medio século, un museo único no mundo. E verdadeiramente senlleiro no noso país. Desde que Díaz Pardo foi afastado do conxunto empresarial que creara, diversas voces veñen denunciando unha deterioración que compromete seriamente o legado material que encerra o Museo. Pero tamén preocupa que se tomaren decisións que adulterasen o significado, a historia e o proxecto que Seoane e Díaz Pardo, axudados por un Padroado, se encargaron de edificar.

A solución aos problemas de conservación do Museo pasa sen dúbida por unha intervención urxente e respectuosa da Xunta de Galicia. A súa declaración como Ben de Interese Cultural, como propón a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo de Sada, é unha medida imprescindíbel que tarda en ser executada. Fronte a un capitalismo sen alma, capaz de baleirar, inutilizar ou agochar un patrimonio tan simbólico e colosal, precisamos unha cidadanía e unhas institucións que non pospoñan a defensa e o rescate do Carlos Maside. Fagámolo egoistamente por todas e todos nós. E tamén como un acto de respecto e de amor por Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e o seu legado imperecedoiro.