Conta a lenda que cando Manuel Marín, secretario de Estado do ministerio de Exteriores dirixido por Francisco Fernández Ordóñez, estaba a explicar en directo en TVE as vantaxes da entrada do estado español na daquela chamada Comunidade Económica Europea, ao chegar a Galicia concluíu:

–E os galegos...., os galegos poderán emigrar máis facilmente.

Non sei se en realidade Manuel Marín dixo algunha vez ou non o que acabo de comentar pero, en todo caso, acertou: a España mediterránea foi a gran beneficiada da entrada na CEE. Tanto é así que, 36 anos despois, rexións daquela completamente improdutivas, como as comarcas áridas, secas e semidesérticas de Murcia e Almería, pasaron a se converter en verdadeiros verxeis exportadores de produtos hortícolas á Europa central e do norte, sen se atopar agora os seus camións cos piquetes dos agricultores franceses na Junquera.

Cómpre sinalar que este proceso de recuperación de terras improdutivas se fixo ao custe de explotar acuíferos subterráneos cada vez máis remotos e antigos, o que pon en dúbida a súa sostibilidade a longo prazo, e que o outro factor do boom económico da rexión foi a explotación salvaxe de man de obra migrante, procedente, sobre todo, de Marrocos, que hoxe é tratada como unha ameaza pública nos argumentarios xenófobos de Vox, que tamén florece naquela comarca.

Segundo o IGE, Galicia perdeu, entre o 2008 e o 2019, 16 mil granxas de vacas, é dicir, un terzo das totais, case cinco explotacións ao día. Para que se fagan unha idea da dimensión do desastre, dez veces o número de empregos que están agora en xogo en Alcoa San Cibrao. Esta foi, porén, unha traxedia silenciosa e silenciada, que non tivo apenas eco nos noticiarios de fóra, mentres a nosa televisión pública sinalaba como causas “as pragas do lobo e do xabaril”. Cada un deses empregos directos supuxo a perda doutros moitos indirectos relacionados co sector: maquinaria, pensos, transporte, etc., incentivou o devalo demográfico do noso campo, a perda de superficie cultivada e aumentou a incidencia dos incendios forestais. Como non foron creadas neste tempo novas industrias no país que puideran absorber esta man de obra expulsada do sector primario, o IGE amósanos que, nese período entre o 2008 e o 2019, marcharon ao estranxeiro máis de 263 mil galegos, é dicir, tanto como a poboación da Coruña e Cambre xuntas. Tiña razón Manuel Marín.

E iso que os gandeiros galegos fixeron o que lles mandaran: aumentaron a superficie das súas explotacións, a calidade xenética do seu gando, incorporaron as técnicas máis avanzadas de alimentación e crianza. Empeñáronse de por vida comprando terra e maquinaria e multiplicaron a produción total e por unidade, batendo récords de produción ano tras ano ata chegar aos case tres millóns de litros do 2020. Porén, son prisioneiros dunha industria de transformación incapaz de desenvolver produtos elaborados de calidade, que os explota vilmente co único fin de competir en prezo no mercado cun produto de altísima calidade, que malvenden para servir de nas ofertas gancho das grandes distribuidoras.