Tanto Núñez Castaño, o editor do provincialismo desde Santiago, como posteriormente Compañel en Vigo ou Soto Freire en Lugo chegaron a publicar obras fundacionais e simbólicas da nosa cultura pero non teremos un proxecto editorial coherente ata a aparición da Biblioteca Gallega (A Coruña, 1886-1907), nome que anticipa unha idea vertebradora arredor de Galicia. Foron os seus fundadores en 1885 Fernández Latorre, que se encarga da impresión nos talleres da recentemente fundada La Voz de Galicia, e Martínez Salazar, responsable intelectual que se encarga da administración e distribución. Aínda que a empresa non presentaba problemas económicos, en febreiro de 1887, estando en prensa o volumen 8º da Biblioteca, deciden os fundadores a disolución da sociedade cando nas contas da editorial constaba un activo social de 3.895 pesetas pro indiviso e eran ambos socios acreedores pola cantidade de 2.300 pesetas.

A devandita disolución, por causas que podemos intuír pero non documentar, fíxose, se non amistosamente, civilizadamente. Ambos socios acudiron a un notario cunha oferta de compra nun sobre pechado. Abertos diante dos propios interesados, a oferta de Martínez Salazar foi de 2.400 pesetas e a de Fernández Latorre de 2.089 pesetas. A partir deste momento quedou como propietario único Andrés Martínez Salazar e a impresión, despois de dous volumes en La Comercial, establecemento tipográfico de Ferrer, e outros dous en José Míguez Peinó y Hermanos (San Andrés 98), queda a cargo da Tipografía da casa de Misericordia que continuará ininterrompidamente ata o ano 1907. Editou D. Andrés Martínez Salazar, con afortunada unidade de estilo, un total de 52 libros que pretendían defender e propagar os ideais rexionalistas con libros de ensaio, poesía, narrativa, historia da literatura, filoloxía, documentación e historia medieval etc. etc. Libros que cumpriron a mesma función que xogou o mapa de Fontán desde mediados do século XIX: visibilizar un panorama de conxunto da nosa terra por primeira vez. Constitúe, en efecto, a Biblioteca Gallega unha serie diversa de tomos que poden ser lidos coma un libro único con diferentes capítulos. E onde é posible que haxa algún capítulo fallido pero que non nega a unidade do conxunto.

Efectivamente, o conxunto de títulos do seu catálogo forma unha constelación de figura reconocible e chama a atención dos lectores. Toda a aparente dispersión de autores, títulos e temas queda anoada pola moi recoñecible e ben pensado fisonomía que lle proporciona a tapa común de gran atractivo visual. Martínez Salazar era consciente de que tiña que arreglarse cos medios humildes de que dispoñía e, facendo da necesidade virtude, deseña unha colección en octavo mayor (19x12) cunha tapa a dúas cores encadrada por filetes clásicos que se cruzan graciosamente nos extremos. Un deseño de fasquía humilde, sen grandes galas cunha tipografía de transición, variantes de Garamond e Bodoni que tanto gustaban a Luís Seoane.

Por certo que cando Seoane escribe un artigo en La Voz de Galicia ((25-IV-1976) saudando a mal chamada edición facsímilar de Los precursores de Murguía está máis preocupado doutras cousas que de transmitir os méritos de Martínez Salazar, deixando pasar por alto a desfeita dunha edición que reduce as dimensións da colección orixinal degradando a esbeltez e gracia do orixinal. Achaparrada e sen as marxes xenerosas da colección, a reimpresión perpetrada non podía pasar inadvertida a un bibliófilo e editor como Luís Seoane. A fisonomía da colección, un dos seus grandes patrimonios, quedou totalmente deturpada proxectando nos lectores que non accederon aos seus fondos orixinais, unha imaxe vulgar que non fai honor ao seu creador, editor e director tamén da revista Galicia. Revista Regional (1887-1893).