Poucas diferenzas maiores poden atoparse no seo da economía española que as que separan o sector lácteo e o enerxético, os que producen leite e os que distribúen luz. Para os primeiros, os milleiros de pequenos produtores, aplícanse as leis do laissez-faire capitalista en toda a súa terrible eficacia: competencia irrestrita no seo dun mercado mundial aberto, no que o prezo do leite en Mazaricos vén determinado polas flutuacións no valor das sementes e materias primas na Bolsa de Chicago ou pola persistencia da seca en Australia. No campo galego tamén impñera outra desas leis de ferro do capitalismo en estado puro estudadas por Marx: a da taxa decrecente do beneficio. A maior produción, cunha demanda estable, menor prezo por cada unidade producida, é dicir, menor rendemento ou beneficio. De aí que a carreira polo aumento da produción nas granxas galegas de hoxe sexa, ata certo punto, unha estratexia suicida a medio prazo.

Os produtores de luz, pola contra, gozan dos privilexios infinitos dun mercado regulado no que o prezo final ao consumidor o establece o Estado sobre unha fórmula de cálculo na que sempre acaba prevalecendo a unidade producida a maior prezo, o gas ultimamente. Estamos, ademais, ante un mercado repartido pacificamente, un oligopolio no que catro antigas empresas públicas son donas do 80% do negocio, cunha brutal capacidade de influencia política, quer mediante a presión sobre a opinión pública (publicidade nos medios de comunicación ou participación directa no seu capital), quer mediante a “compra” directa de antigos representantes políticos, o últimos da listaxe, aínda que, abofé, non o derradeiro, o candidato do PSOE á presidencia da Comunidade de Madrid: Antonio Miguel Carmona.

Non se coñecen, porén, casos ex altos cargos da Xunta, ministros ou conselleiros que pasasen do sector público ao gandeiro. Non hai portas xiratorias que conecten os despachos dos políticos coa corte das vacas. Isto, que pode semellar unha boutade ou provocación, en realidade é un dos mellores xeitos de ilustrar por que un sector se ve abocado á intemperie do Mercado, o da produción de leite, mentres outro goza dunha protección semellante á dos antigos monopolios estatais, aínda que, desta vez, os seus beneficios non son traspasados ás contas públicas para financiaren, por exemplo, a caixa das pensións, senón que van parar directamente en forma de millonarios dividendos aos petos dos seus accionistas.

O vindeiro 1 de xaneiro caduca o prazo de moitos dos contratos anuais subscritos polos gandeiros galegos, entre eles, o da luz. Esmagados entre a suba dos custes de produción: fertilizantes, sementes, combustible, luz, e a espiral baixista do prezo do leite en primeira instancia, o agro galego atópase nunha situación verdadeiramente dramáticia que veremos estoupar proximamente ou iniciar, de novo, o coñecido ciclo de peches e migración das últimas décadas. É urxente actuar e comezar a facelo por unhas industrias de transformación incapaces de competir en innovación e viables unicamente pola presión brutal que exercen sobre os 30 mil gandeiros que restan no país. Estamos a tempo.