Lembrábanos a Rotte Rosa, a vermella Rosa Luxemburgo, no seu clásico de 1900 Reforma ou revolución da contradición explosiva entre o carácter internacional da economía capitalista e o marco nacional dos estados-nación que a participan nela. Un dilema que só se pode resolver de xeito catastrófico, advírtenos Luxemburgo, quer pola vía da guerra arancelaria, quer polo confronto militar aberto, tal como acabaría acontecendo en Europa en 1914. Cinco anos máis tarde, no 19, os precursores das camisas pardas hitlerianas, as Frei Korps, guindarían o corpo morto de Rosa Luxemburgo nun sumidoiro berlinés ante o silencio cómplice dos ebertianos do SPD no devalar da Revolución de novembro.

Hoxe contemplamos como o xigantesco desenvolvemento industrial chinés das últimas décadas —froito, en boa parte, da externalización naquel país das cadeas de montaxe de grandes empresas de matriz europea ou norteamericana na procura de menores custes de produción— provocou nos países centrais do sistema un aumento do desemprego e da desigualdade como consecuencia directa da desindustrialización devandita. Rexe daquela a lei do materialismo dialéctico que describe como o Capitalismo, na súa evolución, xera a súa propia contradición, quer na precarización de cada vez maiores capas da clase obreira, quer no enfrontamento máis ou menos quente entre o imperialismo norteamericano e o dubidoso socialismo na versión de Den Xiao Ping.

As dificultades que atopa a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, para acadar un marco normativo equilibrado nas relacións entre a patronal e os traballadores no estado español son boa proba do primeiro. A mellora relativa das relacións laborais non vai chegar para solucionar o problema de fondo da baixa produtividade da economía española provocada pola falta de novas industrias logo da desindustrialización catastrófica dos 80 e a vaga privatizadora dos 90. A Unión Europea, acredora principal do estado e garante da validez dos seus bonos de débeda, senta no mesmo lado da mesa de diálogo social que Garamendi e marca os límites externos da concertación: os dez mil millóns dos fondos de recuperación semellan obrigar a manter os 33 días de indemnización anuais por despedimento.

Na fronte internacional, coutar as liñas de subministros chinesas, como pretenden facer os países do AUKUS, Australia, Inglaterra e Estados Unidos, non deixa de ser ao cabo un tiro no pé: Apple ten alí as súas fábricas e boa parte dos seus clientes. Outro tanto acontece na relación de Europa con Rusia: o seu atlantismo paifoco pode ser útil aos intereses norteamericanos, pero é difícil pensar que un incendio en Ucraína, co seu corolario de desprazados e refuxiados políticos, sexa un horizonte desexable para a UE. O Nord Stream, que transportará o gas siberiano deica Alemaña sen pisar Polonia nin Ucraína, denota que, cando menos Merkel, si tiña axenda propia. Permanece intacto, trinta anos despois da caída da URSS, o “delenda est Moscova” que recomendara George Kennan no seu longo telegrama: a vontade de destruír Rusia, agora sabémolo, era máis unha necesidade xeoestratéxica que ideolóxica. O gas pode chegar a ser unha mercadoría tan perigosa como o comunismo.