O inglés é ese pobo que pode tolerar que lles mintas para xustificar a invasión dun país como Irak pero non que fagas unha festa na túa casa durante a corentena. Esta sería unha das posibles conclusións do acontecido durante a pandemia co inquilino do número 10 de Downing Street. Diríase que seguen vixentes aínda hoxe aqueles códigos vitorianos de conduta represores do pracer sobre os que Freud edificou a súa teoría psicanalítica, D.H Lawrence unha literatura e Weber toda unha teoría sobre a xénese do Capitalismo: aforro, traballo duro e riqueza como sinal indubidable do favor de deus.

Regresando á política, o malestar ten máis que ver coas promesas incumpridas do Brexit que cos excesos sociais un político que nunca quixo pasar por un asceta thatcheriano senón, máis ben, por un hedonista astuto e ilustrado, como o seu querido Churchill, aínda que sen a parte épica do British Bulldog. O caso é que ao país inventor do laissez faire económico hai 200 anos non acaba de funcionarlle o proteccionismo do Brexit. Ironías da historia, a emerxencia económica de China, país que eles integraron no mercado mundial hai 200 anos mediante as Guerras do Opio, obrigándoo a permitirlles a entrada no país da heroína traficada polos narcos ingleses, está no cerne da crise da economía británica de hoxe.

Porque o certo é que se xa non tes unha industria competitiva nin a capacidade militar de antano para compensar polas vía armada as túas desvantaxes competitivas conquistando novos mercados e materias primas, é dicir, se xa non tes as túas antigas colonias, o que che resta é oficiar de amigo pequeno do actual hexemón, dos Estados Unidos, e tirar algún proveito das migallas dos seus banquetes. Pouca cousa para sustentar un orgullo nacional do tamaño dun antigo imperio mundial.

Volvamos a Inglaterra. O problema da emigración non ten solución doada se un quere manter ou mesmo incrementar a taxa de ganancia das súas grandes empresas, da City, mantendo baixos os custes de produción, é dicir, os salarios. Isto sábeno os ingleses desde David Ricardo cando menos, e tamén o sabía de sobra, ou debía sabelo, o propio Boris Johnson cando apostou polo Brexit, non por convicción, senón porque era a vía máis rápida para chegar ao poder. Agora resulta que, de xeito semellante ao acontecido con Trump, un político de dereita semella oficiar de campión da clase obreira, pero iso non é máis ca unha ilusión: o Partido Conservador non é o Republicano, a súa composición de clase é outra e non admite facilmente os populismos. O fáustico Boris semella ter os días contados.

En realidade, Corbyn, o líder laborista, si desexaba o Brexit polas razóns correctas: proteccionismo, restrición da competencia, suba dos salarios... o programa de Keynes en definitiva. E o paradoxo é que pode ser outro laborista, Keir Starmer, quen acabe devolvendo as Illas ao paradigma neoliberal do laissez-faire de antano. Nacionalismo populista e neoliberalismo progresista, os vellos grandes partidos semellan teren intercambiado os seus antigos libretos.