O 21 de novembro de 1990, a Unión Soviética e outros 30 países europeos asinaban a Carta de París para unha nova Europa que debía sentar as bases para un continente desmilitarizado logo da fin da Guerra Fría e da reunificación alemá en curso. Segundo as previsións de Gorbachov, a retirada dos tanques rusos dos antigos países do seu bloque sería correspondida, de xeito recíproco, polo compromiso da OTAN de non expansión cara ao Este. Hoxe sabemos que os países do eixo Atlántico non tiñan intención ningunha de manter o acordado, ao contrario, nos anos seguintes expandiron as súas bases polos antigos países do bloque comunista e nalgunha das antigas repúblicas soviéticas, como Xeorxia ou Ucraína. O colapso da Unión Soviética non supuña a fin da Guerra Fría, senón a súa continuidade por outros medios: o inimigo ideolóxico pasaba a ser xeoestratéxico, e os norteamericanos trataban de explotar o máximo posible a situación de debilidade do seu rival pola hexemonía. Odio púnico.

Sen dúbida, a caída do bloque comunista deunos, ademais, a todos nós a oportunidade de acrecentar o noso coñecemento da historia do fascismo europeo. Así, puidemos saber que a bandeira arlequinada croata era mallada á da Ustacha, o réxime fascista de Radic e Pavelic aliado de Hitler. Outro tanto aconteceu logo nas revoltas do Euromaidán do 2013, cando foi invocado nas prazas de Kiev nada menos que Stepan Bandera, colaborador cos nazis durante a II Guerra Mundial, ao que ben lle perdoaban o seu anticomunismo militante, mais non tanto un antisemitismo que incluía pogromos con milleiros de xudeus mortos. Os loitadores pola liberdade acababan tornado talibáns.

Manual de resistencia é o título do libro no que Pedro Sánchez resume a súa carreira política ata o 19. Un canto a si mesmo, ao líder carismático con instinto de poder e nulo programa. Descoñecemos o que procura Sánchez en Ucraína: desde restaurar o status quo na relación de España con Marrocos, moi deteriorado logo do recoñecemento da soberanía alauita na antiga colonia española por parte da administración Trump, ratificada máis tarde por Biden, deica unha entrevista co presidente norteamericano de máis de 20 segundos que o homologue por fin cun dirixente europeo de primeira categoría, a pesar dos socios de goberno deslucidos.

“Resistir es vencer”, era o lema do doutor Negrín, o derradeiro primeiro ministro dunha II República española cercada polo exército franquista, luxosamente armado por Hitler e Mussolini, ante a neutralidade ominosa de Francia e a Gran Bretaña. Había que resistir, calculaba o doutor Negrín, deica o comezo do que sería a II Guerra Mundial e o conseguinte final da neutralidade dos países aliados no conflito español. En todo ese tempo, dous anos, a resistencia da República sería inconcibible sen o apoio leal e constante da Unión Soviética. Desde logo, sabemos que Putin non é Lenin, pero os que mañá resistan en Donbass o asedio dos descendentes de Bandera militan no mesmo bando, o noso, o antifascista do doutor Negrín, contra os que hoxe Sánchez envía as súas tropas.