Presentábase este luns na Coruña o informe Macroeólicos Galiza elaborado pola plataforma Monfero di non no que se amosaban, de xeito gráfico, o impacto dos parques eólicos xa establecidos no noso territorio sumados aos previstos no futuro próximo. Este traballo está feito coa habitual escaseza de medios e brillantez nos resultados característica do verdadeiro activismo, do construído a pé de obra por persoas que non se dedican a isto profesionalmente pero que se organizan para loitar e resistiren xuntas o embate de forzas moitos maiores, neste caso, os xigantes do oligopolio enerxético convenientemente asistidos, por se foran poucos os seus medios, pola Xunta de Galicia de Núñez Feijóo.

As conclusións do informe, presentado na Coruña por Aranza Frieiras, Manolo Calo e Iñaki López, beizón a todos eles, son elocuentes por si mesmas e abondan para ilustrar o impacto que van ter sobre o noso patrimonio natural, cultural e socioeconómico os máis de 8 mil muíños de vento que se pretenden instalar nel. En total, serían máis de 100 mil as vivendas instaladas no interior dunha poligonal, das cales 13 mil contarían cun muíño de vento a escasos 500 metros da súa porta, ningunha delas, que se saiba, propiedade dun conselleiro ou exconselleira da Xunta de Galicia. Trinta e oito bens de interese cultural, como o mosteiro de Caaveiro ou o de Monfero, estarán tamén no interior dun parque eólico, o que atinxirá no futuro a súa eventual consideración como patrimonio da humanidade, tal como se puido comprobar no caso da Ribeira Sacra. Tamén case un 30 por cento da Rede Natura estará situado a menos de dous quilómetros dun parque eólico, afectando así á súa futura ampliación, tal e como fixo constar na súa sentencia o TSXG respecto do parque do Iribio.

Este estudo vén complementar o presentado en decembro do ano pasado polo Consello da Cultura Galega no que se sinala, entre as eivas, a escaseza de parques eólicos de titularidade pública, figura eliminada na xa no modelo actual, que representan só 62 MW dos máis de 4 mil producidos anualmente no noso país, o que pon de manifesto a falta de iniciativa e de ambición política da nosa clase dirixente, tanto dos alcaldes das zonas rurais, como da propia Xunta de Galicia, que renunciaron, de xeito inexplicable, a contar cunha gorentosa fonte de ingresos. No informe denúnciase tamén a ineficacia do chamado “canon eólico”, un tributo por muíño instalado destinado a compensar as comunidades afectadas polos parques que ficou obsoleto logo de que estes fosen repotenciados, reducindo así o número de unidades e multiplicando a súa potencia, e que nunca foi quen de recadar, nin nos seus mellores tempos, máis de 20 millóns de euros anuais. Unha miseria en relación aos beneficios totais do negocio. No estudo do Consello amósanse tamén os efectos privatizadores das normas sectoriais da Xunta, tanto a Lei 3/2018 como a 9/2021, que reduciron aínda máis a participación pública no sector e facilitaron a auténtica enxurrada que hoxe padecemos.