Se facemos caso das ensinanzas daquel Maquiavelo cañí contemporáneo que foi o expresidente da Comunidade de Madrid, Ignacio González, “en política, se non controlas o mediático e o xudicial, estás morto”. O certo é que o Partido Popular foi quen de poñer en práctica este axioma durante décadas entre nós, o que foi creando nas súas fileiras certa sensación de impunidade, de que todo lles estaba permitido porque nunca habería denuncias contra eles nin na cabeceira dos xornais nin nos xulgados. O segundo corolario da sobreprotección mediática e xudicial da dereita española é que só o Partido Popular pode derrotar o Partido Popular. Casos como o de Cifuentes, Rita Barberá, ou Cuíña e o venerable Barreiro entre nós deberían chegar como demostración do que vimos de sinalar: que o Partido Popular, co seu control férreo do terceiro e cuarto poder, creou as condicións necesarias para a práctica impune dunha corrupción que, máis cedo ou máis tarde, acaba por se converter na munición das súas batallas internas, o famoso fogo amigo.

Pero, por que estoupa precisamente agora este entroido sanguento do PP? Como amosan todos os días os documentais de sobremesa sobre a fauna africana, a diminución das pozas na estación seca incrementa de tal xeito a competencia pola auga, a vida, que pode dar lugar a verdadeiros episodios de canibalismo. Neste caso, o sol de Vox, cada vez máis implacable, vai privando os populares daquelas piscinas privadas financiadas con fondos públicos que antano podían usufrutuar en exclusiva. A dixestión do ascenso do partido verde está no cerne da actual crise en Xénova, igual que antonte a suba de Podemos acabou supoñendo a defenestración de Sánchez en Ferraz. Aínda así, alén da panorámica, paga a pena estudar os movementos en curto das faccións enfrontadas que van formando un repertorio limitado de manobras e contramanobras de validez universal.

Así, á torpe tentativa de extorsión de Casado, que pretendía obrigar a Ayuso a desistir de competir con el polo poder interno, respondeu esta coa opción B que aparece en todos os manuais de supervivencia política: denunciándoo publicamente. A opción A —contentarse coa súa actual cota de poder sen aspirar a máis— non lle garantía a súa seguridade a longo prazo e tampouco se compadecía cos atributos do personaxe público que foi creando: o dunha política con esa tendencia, tan madrileña, a retrucar antes de pensar. O malo é que na Lei de contratos do sector público non aparece por ningures a figura do comisionista.

Semella que por fin chegou a hora da verdade para Feijóo. A providencia sitúao no rol do mestre que vai separar os dous rapaces que se están a esfolar no patio ante a mirada sádica do resto. O adulto responsable que vai restaurar a omertá, o pacto de silencio que debe imperar sempre nas organizacións, como a súa, destinadas a atesourar secretos de estado e secretos propios. El tamén sentiu no seu día a calor abrasadora do fogo amigo e dá por amortizadas aquelas vellas balas. Hase saber.