Feijóo chega a Madrid nun momento complexo para a dereita tradicional española, o PP, no que ás endémicas tramas de corrupción se lle suma a incapacidade para atopar a coordenada ideolóxica xusta para o partido entre os límites que marcan Vox á súa dereita e o PSOE polo centro. Non lle resultará doado levar a nave do partido deica ese lugar virtuoso, abondo perto do centro para disputarlle ao PSOE a maioría, e abondo ancorado á dereita como para non deixarlle explotar en solitario a Vox os inmensos réditos electorais que proporciona a sabia labranza do campo semántico da palabra España. Casado non foi quen de atopar o rumbo no tempo que durou o seu exiguo reinado. Bandeaba sen parar de babor a estribor, sen dar cadrado nunca coa derrota precisa. E no único momento no que si pareceu dar con ela, na moción de censura de Vox, abandonouna aos poucos días, empuxado de novo cara á extrema dereita por eses fortes temporais que só é quen de producir a prensa madrileña de dereitas.

O certo é que Feijóo ten unha autoridade antes de chegar que o malpocado Tom Cruise aznarián de Ávila nunca foi quen de conquistar. É a autoridade que dan os votos e as catro maiorías absolutas en Galicia co espazo da dereita unificado baixo as siglas algo disimuladas do seu partido. Ben é certo que, como lle lin dicir esta semana a un político anonimizado de dereitas, Galicia non é España. Unha revelación na que semella acreditar cada vez máis xente alén do Piornedo despois das Tanxugueiras. A ver se vai pasar que a clave do éxito de Feijóo en Galicia non reside no seu carisma persoal nin na bondade da súa xestión, senón no efecto acumulado do control absoluto do poder mediático nun país envellecido de pequenos propietarios, afeito a calar e despois emigrar, sempre por esa orde? A dúbida roldaraos, cando menos, deica as vindeiras eleccións xerais.

Eu estou seguro de que si, de que os resultados de Feijóo en Galicia son proba, sobre todo, do excepcional control que sobre a opinión pública exerce a dereita mediática no noso país. Pero, para ser xustos, tamén penso que, no escenario máis competido e equilibrado da política estatal, Feijóo vai mellorar con moito as prestacións que podería ofrecer calquera outro político do PP coa única excepción de Soraya Sáenz de Santamaría, outra que trae de serie o punto, a coordenada exacta pola que debería transitar o seu partido. Aventuro que Feijóo vai facer unha oposición máis técnica que ideolóxica, aproveitando esas fendas e liortas que periodicamente se abren no seo do goberno de coalición e que foron, no caso galego, a súa mellor munición: o bipartito. Achegará, como alternativa, unha receita xa coñecida e consensuada por todos: unidade do estado, permanencia da monarquía e neoliberalismo económico. Tratará de sentar á beira de Sánchez tantas veces como lle sexa posible, subscribindo pactos de estado arreo e convertendo as Xerais nunha elección entre Pedro Sánchez e Feijóo.