Treme Europa ante as posibles consecuencias dun conflito que levaba xermolando a escasa distancia das súas fronteiras cando menos desde o 2014. Daquela, cómpre lembralo, o presidente electo Yanukóvich, de tendencia prorrusa, fora deposto durante o chamado Euromaidan, e o conflito posterior no que se enfrontaban tendencias opostas de idéntica lexitimidade, europeístas e paneslavas, acabou derivando nunha guerra de baixa intensidade na rexión do Donbas na que, un dos poucos xornalistas españois que leva exercendo desde aquela o seu oficio nesta rexión, Rafael Poch, levaba contabilizadas 14 mil vítimas antes do pasado 24 de febreiro. Algún día, dentro de 50 anos, cando xa non importe, como acontece hoxe co caso dos talibáns na Guerra do Afganistán, saberemos quen financiaba e armaba baixo corda as faccións que fixeron da Ucraína oriental o seu campo de batalla. Haberá poucas sorpresas.

Ao que asistimos agora, en realidade, é a fase aberta e convencional dunha guerra que vén de lonxe e que, vinte días despois do seu comezo, non promete acabar pronto, pois a forza aplicada por Putin en Ucraína supera, con moito, a necesaria para acadar os que nun principio semellaban os seus obxectivos estratéxicos: o recoñecemento da soberanía rusa en Crimea e a independencia do Donbas. Estamos máis ben ante unha guerra de ocupación que será longa e moi custosa en vítimas civís e militares, e que, nalgún dos seus efectos, vai resultar desastrosa para Rusia.

Pois, sen dúbida, unha das consecuencias da invasión ordenada por Putin será precisamente o nacemento daquilo que o presidente ruso botaba en falta en Ucraína: un forte sentido de identidade nacional. Este sentimento non será propiedade unicamente da extrema dereita ucraína, senón transversal e case universal. Dun xeito semellante, a invasión napoleónica provocou a unidade na resistencia de liberais e absolutistas en España, ou a actuación torpe, por desmedida e brutal, do terceiro Duque de Alba durante a Guerra dos Oitenta anos acabou por crear as condicións necesarias para o nacemento de Holanda sobre a base das precedentes sete Provincias Unidas. Converter en inimigo un pobo irmán, con quen compartes de xeito case indiscernible toda a túa historia, como é o caso do pobo ruso e o ucraíno, non pode ser nunca unha boa idea.

Mentres isto acontece no norte, na fronteira sur de Europa as noticias non son mellores: vén de recoñecer a semana pasada a administración Biden a soberanía marroquí sobre o Sahara Occidental. En contra do que vaticinaban os analistas progresistas do estado español, o presidente demócrata, lonxe de corrixila, acaba de certificar a validez da decisión tomada por Trump que aqueles consideraban unha provocación, e que torna o rei Mohammed VI en propietario das maiores reservas mundiais de fosfatos, compoñente esencial dos fertilizantes e, por tanto, da industria alimentaria. Silencio na Moncloa, que co cese de González Laya xa anunciou a liña de submisión que vai imperar co veciño do sur a partir de agora. A palabra Tindouf, e os seus 160 mil refuxiados saharuís, forma parte xa do tabú.