Opinión

Exconcelleira na Coruña e investigadora do proxecto Akafem

Eu créovos

Fálase estes días de que aconteceu en María Pita unha situación de violencia intraorganizacional que traspasou os muros do pazo e saltou aos medios, sinalando o trato recibido por dúas concelleiras do PSOE por parte, presuntamente, doutros membros do Goberno local. Moitas foron as voces que saíron lanzando as mans á cabeza por tratarse dunha acción que mesmo se pon en dúbida por parte doutros axentes denominándoo “salsa rosa”, “cousas internas” ou “fake news” cando, unha vez máis, son dúas mulleres as que son sinaladas con desconfianza de que estas cousas pasan nas millores familias, ou se estarán mentindo ou esaxerando. Días antes un concelleiro do goberno, varón e de recoñecido liderado, dimitiu e fixo acusacións tamén bastante graves, sen que ninguén dubidara das súas vivencias. Se ben é certo que as fontes do caso que nos ocupa non confirman acusacións directas feitas polas concelleiras, éstas son facilmente identificables, aínda que non é tan relevante o quen, como os lugares que ocupan con respecto ás correntes de poder e o feito de ser mulleres para a análise que fago.

Pois así é, saíu á luz un trato que sobrepasou os límites, e debería ser algo incrible se non fora porque sabemos que son situacións que, con toda probabilidade, se deron neste caso, se deron demasiadas veces no marco da política institucional e de partido e se darán se non se mudan as estruturas. Pero se mudan de verdade e non só se di que se mudan porque é o que se valora fóra no momento de decidir o voto.

As violencias exercidas de distinto modo sobre determinados grupos de contrapoder interno (máis se é feminista) son e foron sempre cuestionadas no marco dos movementos sociais, e menos nas organizacións clásicas de partido.

Estar na institución gobernando supón un reto interno, neste sentido, para as organizacións partidarias. Se ben é certo que en todo marco político existen discrepancias internas, e quen o negue minte, non en todas partes esas discrepancias son tratadas coa violencia coa que algunhas organizacións o fan, con verdadeiras guerras fratricidas. As familias enfróntanse, rivalizan e isto ás veces enriquece, cando se afronta como esa diversidade interna que fai avanzar os proxectos.

Cando tes sobre ti maior responsabilidade, menos flexibles se voltan as partes que soportan o liderado hexemónico. Máis prescindibles se voltan algúns deses principios básicos que sosteñen os discursos das organizacións nos períodos preelectorais, adquire máis valor manter a moqueta baixo os pés que soster algúns deses piares dos proxectos políticos que nos ilusionan cando entramos neste mundo da política representativa con ganas de mudalo todo.

Tivemos ocasión a través dunha investigación noutros espazos políticos de avaliar a situación de mulleres, en concreto feministas, en organizacións de esquerdas e como esas contradicións e esas viraxes dos principios fan mella, moito máis forte sobre a vida delas, de nós, asumindo riscos que teñen que ver coa reincorporación no mercado laboral á saída dos proxectos nos que nos embarcamos e nos que poñemos o corpo por uns valores, que finalmente nos sinalan e nos marcan por unha banda como parte dun proxecto polo que deixamos a pel e por outro por ter exercido contrapoder e ser sinaladas tamén como as que traizoan dito proxecto. Non pasa o mesmo cos homes, e isto é así, ou non con aqueles que cumplen co rol hexemónico de “homes da política”, si lles pasa, por suposto aos que non, pero eses tampoco se visibilizan nin se lles cuestionan as súas vivencias.

Desgrazadamente o que estamos vendo dende a barreira, que nos custa crer se pensamos que estamos a falar de representantes públicos nun sistema democrático, que pertencen a unha mesma organización e defenden os mesmos intereses, manteñen as dinámicas de sempre, esas que sempre houbo que agochar baixo a alfombra, pero todas e todos, tamén quen cala, saben e son cómplices.

E si, claro que é simbólico que isto acontenza arredor do 8 de marzo, e que moitas das voces que máisś alto chían e poñen o pin morado ese día, son brazos executores ou cómplices de tratos machistas no seu entorno máis próximo, alá onde participen da loita de poder.

Suscríbete para seguir leyendo