La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Xosé Luís Axeitos

Manoel Antonio e Amundsen

Blanco Torres nun artigo necrolóxico referiuse ao seu amigo, o poeta Manoel Antonio, como mariñeiro cazador de horizontes, sedento de rutas descoñecidas.

Moi probablemente estas palabras anticipan a máis afortunada radiografía da poética creativa do rianxeiro, unha especie de écfrase descriptiva sentando que os límites e os horizontes marcaron a vida de Manoel Antonio e caracterizaron a súa poesía. Por suposto que entendemos “horizonte”, non como fronteira astronómica senón como o desexo de ir máis alá do límite na procura dunha misión trascendental, de ir máis alá do habitual tanto a respecto do coñecemento como da propia vida. E non é casualidade que o “horizonte”, que empeza sendo en Manoel Antonio unha preocupación adolescente compartida cos amigos, reapareza como obxectivo irrenunciable na súa obra emblemática, non antes, De catro a catro (1928) que nace coa vocación expresa de inventar “frustradas descobertas a barlovento dos horizontes”. O empeño é tan intenso que hai momentos que o horizonte e as estrelas descoñecidas perden o seu transcendental hermetismo e, como miragre, semellan deixarse coller coa man durante a singradura. Era o soño galego dun rianxeiro que nos legou como herdanza.

Non reaparecen na poesía de Manoel Antonio os horizontes, esas “lonxedades ceibes” ata as elexías que lle dedica a Amundsen en 1928 onde o mar de neve que lle serve de mortalla desvélalle o máis fermoso segredo, a descoberta da Terra, con maiúscula, para significar o máis alá.

Navegaba Manoel Antonio no paquebote holandés Gelria, rumbo a Bos Aires, cando escoita a noticia da morte de Roald Amundsen (1872-1928), que nun trineo rodeado de silenzo e soedade colocara a bandeira do seu país, Noruega, como símbolo da conquista dun dos límites míticos, o Polo Sur. Foi o día 14 de decembro de 1911 e o heroe noruegués adiantárase a Robert Scott, orgullo científico do todopoderoso Imperio Británico. Amundsen, que amaba o Polo Norte pero conquistou o Polo Sur, acababa de agasallar ao seu país, recén independizado en 1905, cun dos horizontes máis buscados. Esta simbólica conquista converteu a Amundsen, un científico aventureiro, nun patriota e nun heroe nacional e o Polo Sur, nun lugar de memoria para os seus compatriotas. Os barcos nos que navegou, Fram, La Bélgica, Grijoa e Maud coma os de Manoel Antonio, Constantino Candeira, Gelria e Arosa son nomes que forman parte da naonimia universal pola súa capacidade de establecer relacións de identidade entre persoas e acontecimentos históricos.

Manoel Antonio, coñecedor da traxectoria de Amundsen, sente que os seus afáns de transcender os límites coinciden cos do explorador noruegués e, magoado pola súa morte, dedícalle dous textos elexíacos que son tamén o prólogo presentido da súa propia aventura. Xa antes de embarcar no Candeira en febreiro de 1926 era saudado epistolarmente con palabras premonitorias por un amigo: “¡Eu seguireiche dend´a badía, c´o farol de proa alceso, até que volvas transfigurado de lonxanías!”. Manoel Antonio, como Amundsen en 1911, estaba a piques de comezar a súa máis trascendental singradura, unha viaxe polo descoñecido, polo innominado. Unha vez colonizadas as lonxanías coa palabra de todos, a bandeira máis recoñecible, entregounos un mundo máis habitable, máis extenso e máis libre onde a literatura era xa nacionalismo cando na política apenas alentaba un vago rexionalismo. Manoel Antonio e Amundsen, dous relingadores de lonxanías, cazadores de horizontes.

Compartir el artículo

stats