Denunciabamos nestas mesmas páxinas a semana pasada o abandono vergoñento do pobo saharauí por parte do goberno español. Non podiamos agardar que as cousas irían aínda a peor, pero fica claro que esa posibilidade hai que tela sempre en conta no caso do goberno dirixido por Pedro Sánchez. Asombra, e moito, o silencio dos mesmos que onte alzaban a voz indignados, con razón, pola invasión rusa de Ucraína, a onde reclamaban enviar de inmediato armas e apoio de todo tipo, e agora non atopan razón ningunha para apoiar o Sáhara, unha antiga colonia española que a monarquía marroquí leva tentando ocupar desde hai 50 anos en balde, ante a resistencia heroica do pobo saharauí dirixido polo Frente Polisario.

Mesmo a dereita española, a verde e a azul, toda ela africanista e tan afeccionada ás citas daquel imperialista encantador que foi Winston Churchill, non acaba de saber o que dicir encol da claudicación vergoñenta de Sánchez ante o sátrapa, este si, e autócrata alauita. Terá algo que ver o feito de que fosen os EEUU, os do Maine, os promotores da xogada? Sospeitamos que si.

A cuestión é que Marrocos, que non está na UE nin na OTAN, acaba de deixar en evidencia a debilidade do estado español no escenario internacional: estar nun club de países poderosos non te converte en poderoso. Cómpre lembrar tamén que nas areas do Sáhara se acubillan o 70 por cento das reservas mundiais de fosfatos, elemento esencial na fabricación de fertilizantes e, por tanto, na xestión da fame no mundo que vén. O século XXI promete ser o de Mad-Max.

Na política doméstica, Sánchez non albisca tampouco ningún motivo para perturbar o plácido descanso dos non-oligarcas do IBEX-35. Romanía vén de regular o prezo da luz e do combustible e, en Francia, o neogaullista Macron planea nacionalizar un feixe de empresas para tentar controlar o rumbo da economía en tempos de guerra. Sánchez non. Aquí os socialistas son máis de libre mercado que Hayek e permiten que os non-oligarcas das enerxéticas enchan os seus petos mentres o país esmorece, esganado polo prezo da luz e do combustible, e semella iniciar unha espiral catastrófica de peches no curto prazo.

Lembremos, para rematar, que o fracaso do goberno de cohabitación entre socialistas e comunistas de Miterrand está no cerne da aparición dun lepenismo que soubo aproveitar a decepción co goberno de esquerda entre o seu electorado tradicional dos cintos vermellos. É posible que esteamos asistindo hoxe á repetición daquel ciclo entre nós, cun partido verde capitalizando na rúa o inmenso malestar social pola suba desproporcionada e inxusta do prezo da luz e do gasoil ante a pasividade gobernamental. Certo que a política económica da ultradereita española é tamén de estrita obediencia maastrichtiá, pero no futuro, se son hábiles, poden orientala cara a posturas máis intervencionistas e convincentes para o gran electorado. En todo caso, a esquerda á esquerda do PSOE debería abandonar por un momento a lectura intensiva de Maquiavelo e comezar a preguntarse para que.