A literatura durante toda a miña etapa académica como alumno foi unha sucesión de grandes títulos e grandes escritores que se resumía na fórmula reverencial e canónica que poñía orde nese mundo máis extenso que intenso: o escritor e a súa obra. Teremos que agardar ao último tercio do século XX por un invento que posibilitou a consideración da literatura como unha actividade na que os grandes protagonistas serán os lectores que lle dan sentido aos libros.

Animado polos argumentos de R. Queneau, que defende que os inventos son o fundamento da historia da humanidade, permítanme unhas breves reflexións sobre a devandita invención do lector, que revolucionou a historia da literatura. Tan recente é a descuberta que aínda non está recollida na nosa lexicografía sempre detrás da realidade, perseguíndoa sen poder acadala. Por suposto que existía a palabra “lector”, documentada no mundo hispánico desde o século XIII, da mesma maneira que existía a palabra “pluma” moito antes de que se inventase a pluma fonte en 1827 ou a palabra “goma” antes de ser inventada a de borrar en 1770. Estamos a referirnos a ese novo significado que asume a palabra “lector”, que se dota da capacidade de converter un obxecto material, o libro, en literatura. Para ponderar e aquilatar a importancia desta nova acepción da palabra “lector” abonda con ter en conta que en principio o autor é un produtor de cadáveres que soamente a maxia do lector pode converter en algo vivo coa súa interpretación e posterior diálogo. Atreveríame a dicir que entre autor e lector establécese unha relación de dependencia tal como a que existe entre significante e significado para constituír o signo lingüístico, base conceptual da comunicación humana. Como consecuencia, a esencia e motor da vida literaria, centrada anteriormente no autor e na súa obra, pasará a ser exercida pola actividade lectora, silenciosa e solitaria, que se converterá en animación e diálogo cando comunicamos a nosa experiencia de ler, falamos do que di o libro, opinamos de como o di e, como non, do que nos gusta e nos decepciona. Deste xeito, se o editor converte en libro o texto do autor, o lector converte en literatura o libro do autor. Pero esta circunstancia ten como contrapartida que os lectores temos que asumir a responsabilidade de comprender e interpretar o que lemos e para eso precisamos aprender a ler aos que supostamente xa saben ler, probablemente a tarefa máis difícil para facer lectores.

Neste aspecto, analizadas as estadísticas que nos brindan os organismos oficiais, a incorporación de novos lectores é escasa o que nos pode levar á conclusión de que as claves non están no ensino oficial, escasamente dotado para este traballo. Porque ler é un gusto adquirido, coma o vicio do tabaco, que se vai requintando por experiencias propias e pola conversa con outros lectores, unha tradición de lector a lector que se ve reforzada en cada conversa compartida. Só lemos ben o que se le con certo propósito completamente persoal, que non é doado que nos proporcionen as lecturas escolares e académicas.

Sorprende que malia a importancia decisiva para a literatura deste novo lector non se lle teña prestado a mesma atención que a outros actores do sistema literario: autores, editores, críticos, profesores, distribuidores, libreiros e bibliotecarios. Mesmo podemos sinalar, alternando con campañas de fomento da lectura, unha serie de actividades disuasorias que adoitan chamarse, impropiamente “vida literaria”: coñecer autores e obras mediante enciclopedias, suplementos literarios e cápsulas informativas, coñecer autores mediante actos sociais: homenaxes, actos públicos de presentación de obras e autores, publicar libros e estudiar carreiras denominadas de letras, conceder e publicitar premios literarios etc.. Todas estas actividades tan arraigadas na vida social transmiten a impresión e a satisfacción de estarmos inmersos na vida literaria sin necesidade de ler. Un auténtico engaño. Por este procedimiento, numerosos libros non son lidos nin polos autores, editores, xurados nin comentaristas e presentadores. Son libros destinados á resonancia social, non á lectura e teñen unha ruta inequívoca de ida e volta: da celulosa convertida en papel impreso ao papel impreso convertido en celulosa.