"As cidades, coma os soños, están feitas de desexos e medos… ". As Cidades Invisibles. Italo Calvino

Xa en 1789 a Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán establecía no seu artigo 15 o Dereito da sociedade a pedir contas da súa xestión a todo axente público.

Por iso, creo que corresponde dar conta dos principais proxectos e actuacións que dende a Concellaría tivemos ocasión de desenvolver durante estes máis de dous anos e medio de mandato municipal. Proxectos que teñen sido resultado do traballo colectivo, dun traballo en equipo, que polo tanto quero poñer de manifesto como responsable político do mesmo. Equipos propios e externos que colaboraron activamente coa Concellaría, cun esquema claro e programado para a cidade.

Vistas de A Coruña. Víctor Echave

Podíamos limitarnos a xestionar “o día a día” da cidade, cuestión non menor, ou tratar de planificar e levar adiante proxectos de maior alcance, sempre por suposto discutibles, pero que buscan un novo horizonte. A pandemia da COVID19 trastocou certos planes, pero por por outra parte serviu de acelerador dalgunhas decisións.

Políticas urbanas

Trala Gran Recesión iniciada en 2008 e que prácticamente veu durar unha década nas súas etapas finais, resultaba inaprazable poñer en marcha todos os mecanismos e estímulos ao noso alcance para reactivar investimentos e emprego na cidade. Reactivar o investimento productivo impulsando as obras e equipamentos públicos de competencia da Concellaría por unha parte, así como a actividade edificatoria e de rehabilitación por outra, constituía un obxectivo claro. Sen embargo este obxectivo debíamos de axeitalo ás novas e necesarias tendencias que xa viñan avanzando outras cidades cara un modelo urbano máis sustentable, tanto en termos ambientais e de saúde pública como de recuperación de espazos para unha mellor convivencia cidadá. A aposta por un modelo urbano que camiñe nesta nova orientación acentuouse diante das necesidades postas de manifesto pola pandemia, que máis alá de medidas de carácter máis coxuntural, de urbanismo táctico, veu consolidar este importante cambio de paradigma urbano, no que entendíamos que debía tamén posicionarse A Coruña.

Apostamos por impulsar o crecemento da cidade nos ámbitos urbanísticos compactos non colmatados ou con instrumentos de planeamento xa avanzados. As políticas de impulso dos procesos de rehabilitación edificatoria e de mellora da calidade urbana do espazo público tamén eran obxectivo prioritario, xunto coa imprescindible protección e promoción do rico patrimonio arquitectónico da Coruña. A intervención, a modo de acupuntura urbana nos barrios e mesmo nos núcleos rurais da cidade mediante actuacións de reurbanización de rúas e mellora de infraestruturas básicas, figuraba como outro eixo de traballo. Redefinir o borde portuario interior ou reformular o borde da cidade na ribeira da Ría eran prioridades claras para unha nova planificación urbana da Coruña, no curto, no medio e no longo prazo.

Clientes en terrazas de establecimientos hosteleros de la Ciudad Vieja. Carlos Pardellas

Quero destacar neste primeiro ámbito de análise o esforzo por mellorar substancialmente a xestión de licencias e o control da disciplina urbanística, suliñando o relevante traballo de dictame e asesoramento en materia de patrimonio cultural por parte da Comisión asesora do Plan Especial de Protección e Reformar Interior da Cidade Vella e Pescadería(PEPRI). Os proxectos de rehabilitación e restauración do edificio “Banco Pastor”, do edificio “Cine Avenida”, ou os dictames sobre o valor histórico da casa sita na rúa Sinagoga 4 son destacables. O preparación dunha ordenanza municipal sobre estética urbana no ámbito da Cidade Vella, a inminente restauración integral da Casa de Veeduría, os avances para a recuperación no patrimonio municipal da Casa Escariz (legado de don Manuel Piñeiro Pose), o Plan Rexurbe coa Xunta de Galicia ou o recente Plan director de Iluminación da Cidade Vella, son actuacións relevantes en materia patrimonial e arquitectónica. Mencionar tamén o importante esforzo que supuxo a primeira fase de ampliación do Catálogo patrimonial do PXOM (que inclúe o edificio “Citroën”) ou a preparación das bases para a elaboración do necesario Plan Especial no ámbito da Torre.

Someso, solventados en gran medida diferentes expedientes de reclamación, Parque Ofimático (agora Xuxán) coas obras de remate da urbanización por fin en marcha, ou o proxecto de compesación de San Pedro de Visma, son polígonos que avanzan segundo as previsións do Plan Xeral. A necesaria revisión da Norma Zonal 8 (equipamentos), o Plan especial de Labañou na Agra das Percebeiras ou o Parque da Agra, son instrumentos de planeamiento preparados máis nos que non fun quen de conseguir o necesarios consensos que requiren maioría absoluta no Pleno municipal para a súa aprobación final. Sen embargo, a redefinición de todo o sector da Ría do Burgo para a súa modificación no PXOM e que tivemos a ocasión de levar á Xunta de Goberno Local para o inicio do trámite ambiental creo que supón un esforzo moi claro na aposta por un modelo urbano máis coidadoso en ámbitos sensibles, que afectan á cidade e ao conxunto da poboación de toda a nosa área urbana.

Parques empresariais e infraestruturas viarias

A preocupación por impulsar e mellorar as capacidades dos parques empresariais da cidade foi tamén un importante elemento de traballo. Coa asociación empresarial de Agrela coordinamos varias intervencións no seu viario longamente reclamadas, máis por fin a demolición das “Casas de San José”. Licenzas e documentos de planeamiento para o novo poliducto da refinería de Repsol ao Porto Exterior, para as novas instalación das compañías Hijos de Rivera e Showa Denko ou as actuacións previstas para o proxecto Breogán Park reforzan a competitiviade deste polígono clave para a cidade. Quedou prácticamente listo o protocolo para a recepción do polígono de Pocomaco, tras máis de corenta anos de espera, e traballamos coa propiedade do polígono de Vío en solucións de viario necesariamente coordinado cos proxectos do Ministerio de Transportes para a “Cuarta Rolda”.

Panorámica del polígono de Pocomaco. | // VÍCTOR ECHAVE Lara Graña

Por certo, é clave intensificar ao máis alto nivel institucional a prioridade que supón a Cuarta Rolda para artellar de forma máis eficiente a rede viaria de conexión dos polígonos empresarias, a comunicación metropolitana da nosa área e as instalacións do porto interior con Punta Langosteria.

Pero en materia de infraestruturas viarias non podería rematar este apartado sen mencionar aquela que nestes momentos pode ser a máis urxente para a nosa mobilidade metropolitana, o Vial 18 que debe entroncar a AP9 coa Terceira Rolda.

Tamén significar dunha forma especial os traballos que en materia de planeamento urbanístico e de análise para a dotación de infraestruturas básicas se ten acometido coa Universidade da Coruña para facer realidade o novo polo tecnolóxico, de innovación e de investigación aplicada que vai supoñer a Cidade das TIC nas instalacións de Pedralonga.

Rehabilitación e espazo público

En materia de Rehabilitación de edificios déronse pasos importantes coa aprobación das novas ordenanzas municipais reguladoras de subvencións e de conservación da edificación. As convocatorias de axudas nas áreas de rehabilitación integral (ARI) dentro do Plan Estatal de Vivenda en Labañou, O Ventorrillo, San Vicente de Elviña, Mariñeiros ou na Cidade Vella, xunto co avance do Plan director do Barrio das Flores ou as previsións para iniciar un instrumento similar na Agra do Orzán, son medidas na mesma dirección, na imperiosa necesidade de acometer procesos de rexeneración urbana.

A reurbanización e humanización de rúas como Alcalde Marchesi, A Nosa Señora do Rosario, Cortaduría, Pintor Vaamonde, Ramón Cabanillas, Monte das Moas, Vía Ártabra, Cultura ou Rafael Bárez, entre outras; a remodelación da contorna do Mercado de San Agustín ou os proxectos para Panaderas ou o bulevard de San Andrés, buscan espazos de mellor calidade urbana e convivencia cidadá.

Tras as actuacións provisionais a raíz dos estudos preliminares dos que dispoñíamos, o gran proxecto de redefinición do paseo dos Cantóns, dende a rúa Compostela xa en marcha, ata a Marina, baixo os mellores estándares patrimoniais, suporá dotar a este espazo central da Coruña dunha importante revalorización urbana e social.

Vista del paseo marítimo de Orillamar, cuya reforma es uno de los proyectos Eidus. Carlos Pardellas

A inminente remodelación do Paseo Marítimo no tramo que vai do dique de abrigo a San Amaro debe de ser unha primeira etapa do proceso que debe completar a necesaria actualización ambiental de todo o trazado do paseo, cunha especial atención ao treito que discorre na beira da Torre de Hércules. Foi crítica, en varios sentidos, a decisión de suprimir o paso subterráneo da avenida de Arteixo á altura da Rolda de Nelle, pero pensamos que era a decisión necesaria para contar cunha vía “máis urbana” e que reconecte mellor a Falperra co Parque de Santa Margarita ou Os Mallos coa Sagrada Familia.

A definición dun novo espazo de estancia veciñal na praza Jose María Hernansáez no Castrillón, o proxecto do Parque Vixía como parque dos nenos e nenas en Monte Alto ou a remodelación de gran parte das áreas de xogo infantil na cidade tamén son destacables. Pero non son menos suliñables, máxime a estas alturas xa do século XXI, os saneamientos executados en núcleos rurais que ainda carecían desta infraestrutura básica, en Feáns, no Foxo, na Silva, na Zapateira ou en Bens.

O proxecto de renaturalización dos ámbitos fluviais río da Grela-río Monelos en colaboración con grupos de investigación da UDC e a Cátedra EMALCSA (considerando ideas nacidas no proxecto social “Parque Cidade”), tamén é resultado de tratar de redeseñar ou recuperar espazos naturais nunha cidade altamente compacta e densa coma a nosa.

Cara a unha mobilidade urbana sustentable

Trazar unha nova forma de entender e priorizar as necesidades da mobilidade urbana foi o outro gran ámbito de traballo, con moitos retos por diante e lóxicamente non exento de debates entre os distintos sectores involucrados con intereses as veces contrapostos. Tiñamos que aplicar medidas que contribúan claramente a reducir as emisións e ruídos contaminantes, mellorando así os indicadores de saúde pública, ao tempo que recuperar espazo público tradicionalmente “invadido” polo vehículo particular. Incentivar modos de transporte individual máis sustentable como a bicicleta (motor de cambio en moitas cidades) ou os novos vehículos de mobilidade persoal (VMP) tamén foi salientable. Pero a maior das prioridades estaba en poñer a maior atención na seguridade das persoas que camiñan, en incrementar a accesibilidade do espazo urbano, en diseñar novos corredores peonís, nunha cidade como a nosa de tradición no camiñar. Os entornos escolares seguros, ámbito no que queda moito por facer, ou a distribución urbana de mercadorías de “última milla”, especialmente co forte incremento da compra en liña, son dúas preocupacións que abordamos.

Estación de BiciCoruña, en la plaza de Pontevedra. Carlos Pardellas

Traballamos así para poñer as bases para unha cidade máis neutra en emisións contaminantes. Anticipar a aplicación na cidade da nova limitación de velocidade prevista pola DGT a 30Km/h con caráter xeral (programa Coruña 30), o plan Coruña Camiña coa Rolda Peonil entre o Parque de San Diego e a Agra do Orzán, a tamén inminente renovación e ampliación do sistema de bicicleta pública BiciCoruña, a extensión da malla principal de carrís-bici e vías ciclables, a preparación da rede básica de puntos de recarga eléctrica de vehículos en diferentes puntos estratéxicos da cidade ou a implantación ordeada de sistemas de alugueiro de VMP, son algunha actuacións encamiñadas a unha mobilidade urbana máis sustentable. Actuacións, todas elas, que precisan dunha nova ordenanza municipal de mobilidade, texto no que se avanzou de forma importante e que debe de recoller as recentes modificacións estatais en materia de Tráfico e Seguridade Vial. Será tamén necesario acometer unha profunda actualización do Plan de Mobilidade da cidade (PEMUS) elaborado en 2015 e que deberá de adaptarse á nova lexislación sobre Cambio Climático, xa en vigor, e sobre Mobilidade Urbana, en trámite parlamentario. Poñer en marcha co Grupo de Investigación Ferrotrans da UDC o Laboratorio da Mobilidade Sustentable tamén nos permitiu comezar a dispoñer de datos relevantes para modelizar a mobilidade urbana e metropolitana da Coruña.

Os case 11 millóns de euros captados recentemente nos fondos de reconstrución Next Generation EU en materia de mobilidade urbana, serán seguro unha panca esencial para intensificar estas políticas.

Sen embargo, non puidemos avanzar en melloras substancias no transporte urbano en autobús. A situación creada pola COVID-19 no conxunto do sector do transporte de pasaxeiros máis os conflictividade contenciosa en varios asuntos coa empresa concesionaria dificultaron a situación de forma notable. En todo caso, a nova concesión que ten que inicarse no 2024 ten que ser a oportunidade para implantar un servizo urbano de bus máis eficiente, que cubra mellor algunhas zonas da cidade, que conecte de forma máis operativa con centros sanitarios, educativos e polígonos empresariais, ao tempo que debe acometer unha importante renovación de toda a flota con vehículos non contaminantes; superando así unha concesión xa claramente obsoleta. Por outra parte, a implantación da nova estación Intermodal determinará unha importante revisión das liñas urbanas e interurbanas de bus. Isto, sendo coñecedores de que os datos de transporte en autobús na nosa cidade veñen presentando normalmente indicadores moi positivos en comparación con outras cidades españolas análogas. Destacar tamén o esforzo de apoio ao sector do taxi para a súa necesaria modernización e competitividade.

Non debo rematar tampouco este apartado sen facer referencia a un factor clave para apostar realmente por un cambio cualitativo e cuantitativo no noso transporte de viaxeiros, altamente condicionado pola dinámica metropolitana, A clara necesidade de articular unha autoridade única de planificación e xestión de todo o transporte metropolitano, no que se deben integrar tanto as liñas urbanas como aquelas metropolitanas de competencia autonómica que teñen entrada e saída entre os concellos da área urbana e coa cidade central. Esta ten sido unha permanente reivindicación diante da Xunta de Galicia non atendida. Un dos elementos do futuro socioeconómico da nosa área pasa por resolver a problemática do transporte, cuxa solución non pode basearse sempre na construcción de máis carrís de circulación para o vehículo privado. Apostar polo transporte ferroviario de proximidade aproveitando trazados xa existentes e mellorar de xeito decidido a conexión ferroviaria con Ferrol debe formar parte, sen demora, da axenda política de todo o arco ártabro.

Relacións interinstitucionais e participación cidadá

Para levar adiante este conxunto de prioridades resultaban imprescindibles dous enfoques de traballo. Por unha parte, unha posición moi activa e esixente nas relacións, tanto a nivel institucional como técnico, coas restantes Administracións Públicas que desenvolven proxectos que inciden na Coruña a na súa área de influencia. Ter acadado os acordos que finalmente van permitir o inicio das obras da nova Estación Intermodal, coas necesarias modificacións do PXOM nos ámbitos de San Cristóbal e dos Mallos-A Sardiñeira, definir co SERGAS o proxecto de rehabilitación do edificio do mercado de Santa Lucía para implantar un moderno centro de saúde xunto cun novo centro cívico (nun ámbito como o da Falperra que precisa desta actuación de rexeneración urbana), o proceso de reordenación da fachada portuaria interior ao que logo me refirirei ou a necesaria coordinación nos proxectos de ampliación do CHUAC ou de implantación da Cidade das TIC, son boa mostra deste intenso traballo diario tanto coa Administración do Estado como coa Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria ou a Universidade.

Vista de los muelles de Batería y Calvo Sotelo en A Coruña. Víctor Echave

O segundo enfoque de traballo que resultaba imprescindible era a necesidade de articular mesas ou foros participativos en diferentes ámbitos sectoriais, ademáis por suposto do necesario contacto, nunca suficiente, co tecido asociativo da cidade e dos seus barrios. A Mesa de Mobilidade Urbana, a Mesa sobre Desenvolvemento Urbano Sustentable, os procesos participativos na execución de proxectos financiados con fondos europeos FEDER-EDUSI, ou mesmo a celebración das Semanas da Arquitectura da Coruña en intensa colaboración coa Escola Superior de Arquitectura, o COAG e a Fundación Luis Seoane, responden a este segundo enfoque integrador. Trasladar estas experiencias en redes colaborativas de cidades como Eixo Atlántico ou Atlantics Cities no ámbito institucional, ou a integración da Coruña en redes sectoriais, como Cidades pola Bicicleta ou Cidades que Camiñan, formaba parte tamén da necesidade de compartir e escoitar outras experiencias en distintas escalas urbanas.

Dous retos: o Porto e a Vivenda

Dúas cuestións que no meu balance persoal considero fulcrais para o noso futuro, pero tamén xa para o presente.

A reordenación da fachada portuaria interior da Coruña, a partir da desafectación prevista dos peiraos que veñen xa trasladando a súa actividade ao porto exterior, preséntase como a gran oportunidade para unha nova planificación urbana da cidade, nunha primeira etapa nos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, e nunha segunda no ámbito de San Diego e Petroleiros, coas súas zonas de transición. Pero máis alá de deseñar os novos usos urbanos concretos de cada sector a desafectar, debemos de ter unha mirada ampla do conxunto desta inxente pero abordable tarefa, que vai redefinir a cidade neste século XXI desde unha perspectiva máis global, e que debe de constituir a nova carta de presentación da cidade e de toda a súa contorna urbana. Son moitos xa os exemplos de urbes que abordaron procesos de integración porto-cidade, tanto en España como no resto de Europa, procesos comparados nos que nos podemos mirar. As debilidades as veces convértense en oportunidades. A posta en marcha do novo porto exterior, que ademáis finalmente vai contar coa imprescindible conexión ferroviaria, permitirá gañar á cidade novos espazos urbanos no borde litoral, ademáis de eliminar descargas perigosas no interior da baía. Contribuir a buscar medidas de apoio financeiro a Autoridade Portuaria para facer fronte á súa débeda polas obras de Punta Langosteria creo que é da máxima responsabilidade institucional, claro está baixo a premisa da necesaria recuperación e mellora de tráficos por parte da propia APAC. Este apoio financeiro, que require do maior grao de consenso institucional, garante a posta en marcha do necesario ente público xestor de todo o proceso de transformación portuaria. Pretender que os terreos a desafectar sexan entregados de xeito gratuíto e directo, ademáis de ser unha opción estraña ao marco normativo e financeiro actual, pode facer inviable ou adiar permanentemente a transformación urbana do porto interior, continuando eso sí con un eterno debate dialéctico que as veces pode resultar un tanto dogmático.

A reordenación do espazo portuario que estudamos da man dun relevante equipo multidisciplinar da Universidade da Coruña, dirixido polo profesor Carlos Nárdiz, ofrece as bases para unha perspectiva no curto, no medio e no longo prazo. Presenta oportunidades de novos espazos e equipamentos públicos, terciarios, de actividades vencelladas á economía verde e azul, de vivenda pública e solucións de mobilidade urbana e metropolitana, compatibles con aquelas actividades pesqueiras e portuarias que deben de permanecer no porto interior. Bases a analizar, nas súas diferentes alternativas, para construir un gran pacto institucional de cidade. Os borradores finais para un novo protocolo entre todas as entidades públicas implicadas, que deben superar os convenios de 2004, quedaron listos.

Como sinala o documento da Universidade no seu inicio, “A transformación do espazo portuario interior da Coruña transcende a este ámbito concreto e hase entender como un proxecto no cal se apoiarán en gran medida as bases da cidade futura, tanto na súa dimensión urbana e metropolitana como en canto á súa dimensión económica, social e ambiental, sen esquecerse da apertura dunha nova etapa de frutífera colaboración e cooperación interadministrativa, e coa cidadanía, co obxectivo de construír entre todos unha Coruña máis sustentable, dinámica e competitiva, cunha alta calidade de vida”.

E, finalmente, unha referencia ás necesarias políticas de vivenda, xa non tanto dende unha perspectiva meramente edificatoria, sempre necesaria para dotar á cidade da necesaria infraestrutura, como dende a perspectiva de garantía do dereito á vivenda. As políticas de vivenda pública deben de garantir por suposto o acceso habitacional en situacións de dificultade ou exclusión social, pero deben centrarse moi especialmente en ofrecer vivenda a capas intermedias de xente nova e de xente maior para contribuir á súa emancipación e maior autonomía persoal. Evidentemente o mercado de traballo e a calidade do emprego son os elementos esenciais para poder acceder a unha vivenda, pero precisamos políticas realmente efectivas que poñan no mercado vivenda pública, esencialmente en réxime de alugueiro, que aumente a oferta a prezos asumibles; as políticas en materia de VPO resultan insuficientes, sendo además Galicia unha das Comunidades Autónomas con menor taxa de mobilización desta clase de vivenda durante o último decenio. As competencias estatais e as autonómicas son imprescindibles, pero nos Concellos tamén debemos de tomar medidas contundentes, mobilizando solo público para dispoñer de importantes parques de vivenda municipal. Por iso, o acordo que tivemos a ocasión de preparar co Grupo Municipal da Marea Atlántica ten todo este valor, de cara a contar cun Plan municipal de vivenda pública para o cuadrienio 2022-2026 que agardo conte co maior grao de consenso no Pleno Municipal. O novo Plan Estatal de Vivenda, a nova Lei en tramitación nas Cortes Xerais e as importantes axudas que en materia de vivenda e rexeneración urbana ofrecen os fondos de reconstrucción europea deben de aproveitarse como ferramentas de impulso decidido.

Ata aquí o realizado, coas súas luces e as súa sombras, tamén o soñado.

Como afirma Pedro Torrijos nos seus Territorios Improbables, "as cidades se debuxan a vista de satélite, pero se viven á altura dos ollos.