Nun país, coma o noso, onde as maiorías sociais profesan ideoloxías que de xeito explícito desprezan ou negan a súa propia orixe e condición, o obreiro coruñés do barrio de Palavea, Unai Martínez, practicante do bravú, afiliado á CIG e militante na bancada dos Blues en Riazor, na peña Cheka máis en concreto, amosaba un exemplo desafiante xusto do contrario: de orgullo proletario insubmiso, coruñés e galego, que son a mesma cousa. Habitaba nel, coinciden todos os relatos, esa cualidade ceibe, fraternal e loitadora que por si mesma abonda para negar a tradición de egoísmo de mansedume que o lugar común lle atribúe ao noso pobo, moitas veces con razón.

Sen dúbida, os atributos persoais que acabamos de describir deben explicar, en parte, a inmensa rabia colectiva e unánime que causou a súa morte entre os seus compañeiros de traballo na factoría de Repsol na Coruña. Unha ira que se concretou, de xeito inmediato, na decisión, espontánea e unánime, de parar a produción na fábrica e de ir á folga sen ter en conta nin o seu custe nin os preceptos legais que a regulan e limitan. Unha ira comunal que se manifestou tamén de xeito masivo na marcha que, partindo desde as portas da factoría en Meicende o pasado venres, rematou perante a Delegación de Goberno, onde se lle rendeu homenaxe de xeonllos á familia de Unai alí presente, nunha cerimonia que foi ao mesmo tempo un acto político e persoal, una mostra de dó, protesta e afecto á familia. Nada que eu vise con anterioridade en calquera das loitas obreiras que presenciei, e que adoitan resultar sempre máis rituais e previsibles por dirixidas, aínda cando van á guerra. 

O accidente que acabou levando a vida de Unai Martínez o 29 de marzo tivo lugar tres días antes, o 26, e nel resultou tamén gravemente ferido o seu compañeiro Óscar Feal, a causa dun escape de ácido sulfhídrico, unha sustancia que pode resultar mortal mesmo en cantidades cativas, e que abonda para mostrar, por si mesmo, o risco ao que están expostos cada día os traballadores da Refinería. A falta de coñecer mellor as razóns do accidente, o que xa é sabido a tal hora é que Repsol non dispuña dos medios precisos —ambulancia medicalizada e persoal especializado-—para atender as necesidades dunha factoría na que traballan centos de persoas durante as paradas en condicións tan arriscadas. Tampouco a plantilla das empresas auxiliares recibe a formación requirida en materia de seguridade para desenvolver o seu traballo. Non se comprenden estes feitos á vista da conta de resultados que vén presentando Repsol, ano tras ano, e na que deben estar incluídos os cartos aforrados en prevención de riscos laborais e na mellora da saúde e a protección dos seus traballadores.

Somos moitos os que lamentamos a morte de Unai aínda sen coñecelo nunca. Sempre se botarán en falta obreiros e galegos orgullosos de selo. Sirvan estas liñas de lembranza do afecto e homenaxe que mereceu entre os seus compañeiros.