Hai uns días coñecemos o acordo para poñer fin ao conflito do lixo. Un problema que tivo a cidade chea de sucidade e con residuos amoreados nos contedores durante semanas.

Pero, aínda que esteamos ante unha boa noticia, continuamos a ter serias dúbidas de que o Goberno local teña unha estratexia para resolver os problemas do lixo en todos os seus chanzos: limpeza, recollida e tratamento.

Se falamos de tratamento, mentres as instalacións de Nostián continúan a se degradar, do exame dos orzamentos do Concello para 2022 dedúcese que rematará o mandato de Inés Rey sen que se licite o novo contrato para a xestión da planta, pese a que a concesión vixente rematou o 31 de decembro de 2019.

Mentres tanto, a anterior concesionaria continúa a prestar o servizo en precario e, incumprindo varias sentenzas xudiciais, segue sen selar un vertedoiro que leva moito tempo colmado, co conseguinte impacto ambiental.

E, aínda que nos aledemos de que se chegase a un acordo para poñer fin, por agora, ao conflito nos servizos de limpeza e recollida, hai asuntos enquistados que, se non se abordaren, poden provocar que o problema, tarde ou cedo, volva emerxer.

Por se todo isto fose pouco, o Goberno central vén de impoñer unha interpretación na nova lei de residuos que deixa fóra do sistema o modelo de recollida húmido-seco existente na Coruña.

Unha mudanza que, se se consumar, obrigará a introducir novas adaptacións na planta de Nostián e a colocar nas rúas da Coruña un quinto contedor, específico para envases, pese a que acaba de entrar en vigor o novo contrato en virtude do cal se renovaron todos os colectores de lixo.

Por certo, no Congreso o BNG presentou unha emenda durante a tramitación da Lei de Residuos, asumindo as alegacións daqueles concellos, entre eles o da Coruña, adheridos ao modelo húmido-seco. No caso de Galiza, os concellos que tratan os seus residuos nas plantas de Nostián e Lousame. Mais esta emenda foi rexeitada polo PSOE e o seu socio de Goberno.

E este o peso real, a influencia, do Goberno local perante o Goberno central?