Diante da guerra cruenta, e televisada, que se está a librar en Ucraína é fácil esquecerse doutras batallas importantes, afortunadamente incruentas pero non de balde, que librou a humanidade.

O calendario, aparentemente un inocente sistema de distribución do tempo en anos, meses e días, foi obxecto de guerras despiadadas ao longo da historia. Os dous calendarios de maior aceptación, o xuliano (de Julio César desde o ano 46 a. de C.) e o gregoriano (Gregorio XIII, a partir de 1582) inmediatamente aceptado pola Europa católica pero rexeitado por protestantes e ortodoxos, foron amais causa de numerosas confusións históricas. Así, cando facemos coincidir a morte de Cervantes e Shakespeare no mesmo día 23 de abril sen ter en conta que ao 23 de abril do calendario gregoriano (data da morte de Cervantes), seguido por España, corresponde o 13 de xullo do xuliano. E o 23 de abril do calendario xuliano (data da morte de Shakespeare), seguido en Inglaterra, corresponde ao 3 de maio do gregoriano. Do mesmo xeito determinados tratados internacionais, coma o denominado Tratado de Londres (1725), requiren ser expresados mediante dúas datas cando son asinados por países protestantes, de calendario xuliano, e países católicos, de calendario gregoriano.

O calendario romano dividido en dies fasti e dies nefasti era unha especie de anuario, con datas e instrucións para as cerimonias relixiosas, días de mercado, días xudiciais, etc. que marcaban a actividade laboral da poboación con evidentes repercusións na economía. Era elaborado polos sacerdotes co obxectivo indiscutido da pax deorum. E foi así ata que o cristianismo, a partir de Adriano, foi substituíndo pouco a pouco as divinidades paganas polos mártires e santoral cristiano ata o punto que a ocupación total do calendario imposto pola igrexa certifica o triunfo definitivo da súa doctrina. Como consecuencia, Marte foi substituído por San Pedro e Isis por Santa María ou como di Peter Brown o drama da liturxia e das festividades dos mártires sustitúen a mística do foro e do teatro. Soamente o efémero intento da Revolución francesa interrompeu o Ano Cristiano en Francia durante un curto periodo de tempo (1792-1806) ata que Napoleón devolveu as festividades e o poder ao Papa en 1806 restablecendo a calendario cristiano.

Xa no século XX tanto a Unión Soviética como a Italia fascista quixeron singularizarse cambiando a forma de datar. Unha das primeiras medidas adoptadas polas novas autoridades soviéticas, recollida no decreto de 24 de xaneiro de 1918 asinado por Lenin, foi suspender o calendario xuliano, oficial na Rusia zarista, e adoptar o gregoriano. Pero o cambio máis radical foi adoptado por Stalin no ano 1929 coincidindo coa expulsión do partido de Trostki. Establece unha nova semana laboral, denominada “de produción continuada”. O novo ano soviético, inspirado na revolución francesa, tiña 12 meses de trinta días cada un máis cinco días extras distribuídos durante o ano; un deles era o Día de Lenin, celebrado un día despois do 30 de xaneiro.

Pola súa parte Mussolini, entre outras moitas medidas, publica unha circular en 1926 pola que ordena que tanto nos documentos públicos como privados, incluída a correspondencia, se complete a datación correspondente cun número romano que indicará o comezo da “era fascista” (E.F.) que comeza o 29 de outubro de 1922 data do ascenso ao poder de Mussolini.

Calquera persoa familiarizada cos arquivos da época da guerra en España deseguida verá que toda carta ou documento, tomando como modelo a Italia fascista, tiña que estar encabezada como I Año Triunfal, II Año Triunfal ata acadar o Año de la Victoria en 1939. Posteriormente, no asalto ao calendario por parte do franquismo non faltaron o Día del Caudillo (1 de outubro), Día de la Raza (12 de outubro), Día de la Victoria (1 de abril), Día de Corpus Christi e Inmaculada Concepción declarados festivos no duradeiro pacto do nacionalcatolicismo.