Andan os publicistas do Partido de Orde afanados procurando unha explicación ao seu recente desastre na primeira volta das presidenciais francesas. En España a xente aínda sabe votar como Deus manda, dinnos todos os días, non como no noso veciño do norte que acaban de deixar fóra do mapa político nada menos que ao Partido Socialista e aos Gaullistas, os equivalentes do PSOE e o PP. Inaudito.

As explicacións da catástrofe, por capciosas e reviradas, son dignas de seren resumidas nesta páxina. Para empezar, e para evitar comparacións odiosas co reparto da comedia política madrileña, trocan o nome e a posición dos tres grandes actores da escena francesa. “A praga populista invade Francia” claman, e sinalan ao partido de Mélenchon, a Francia Insubmisa, e ao de Le Pen filla, como culpables desa condición, a de populista. O que aconteceu, máis ben, foi o contrario: o populista en Francia é Macron: nin de dereitas nin de esquerdas; nova política, sen lastres do pasado. A meritocracia prístina dos altos funcionarios do estado (os enarcas da Ecole Nationale d’Administration, a ENA) fronte á partitocracia podre dos vellos aparatos do bipartidismo quendista. É como se Rivera dese unido no seu Ciudadanos os mellores cadros do PP e do PSOE —que, á fin e ao cabo, comparten o 90% do programa, punto arriba, punto abaixo do IRPF— e logo os papase nas Xerais. Se isto non chegou acontecer aquí é porque España non é Francia, a deus grazas, como antes dixemos: Rivera era un pillo locuaz sen biblioteca, e Macron, o neno prodixio da cultura política francesa que, escusando o eurocentrismo, é a universal desde 1789. O que sucedeu en Francia, máis ben, foi que o populismo de extremo centro acabou coa comedia parlamentaria das dúas caras do Partido de Orde (europeísta, atlantista, neoliberal), uníndoas por fin baixo as mesmas siglas. A Gran Coalición nun só partido.

Contra o insistente mantra oficial de que o auxe da extrema-dereita só pode ser freado ampliando os consensos fundacionais de centro, a irrupción de Jean-Luc Mélenchon nas eleccións francesa, onde ficou a un punto escaso de Le Pen, amosa que desde posicións radicalmente de esquerdas é como mellor se pode combater o receitario excluínte dos lepenistas. A súa oposición firme á invasión de Ucraína por parte de Putin, sumada á mesma oposición ao envío de armas a Ucraína, constituíu unha verdadeira lección de dignidade e coherencia para unhas esquerdas, as nosas, divididas a partes iguais entre unha nostalxia cegadora da crueldade dos feitos e o entreguismo pragmático.

O proxecto de Mélenchon, de longo percorrido e baseado na adhesión aos vellos principios da esquerda —defensa do público e da igualdade, denuncia da oligarquía, ampliación de dereitos, transición ecolóxica inclusiva, etc.— máis alá do cálculo da súa rendibilidade electoral inmediata, debera servir de sinal de aviso e de guía para o día despois da derrota que se albisca no horizonte. Fin do ciclo populista, da liquidez, da submisión da estratexia á táctica, dos espectros da Guerra Fría.