Corenta sete anos despois do 25 de abril, Europa segue celebrando case coa mesma intensidade a derrota da ditadura salazarista e o encoro da fase revolucionaria na Revolución dos Cravos, novembro. Algún día saberemos das reviravoltas e xogadas na sombra da CIA e o Departamento de Estado norteamericano co fin de impedir que o Portugal do “orgullosamente sós” pasase a ser un oblast transiberiano, na requintada linguaxe dos columnistas de extremo centro de hoxe, ou unha república socialista, tal e como constaba nos documentos de Alvaro Cunhal e Saraiva de Carvalho, que non compartían, compre lembralo, exactamente a mesma folla de ruta para o día despois. A mesma operación sería repetida meses máis tarde no estado español mediante aquela voadura controlada do antigo réxime que supuxo pasar da legalidade franquista á legalidade democrática no transo que un tarda ante o espello en barbear o seu bigote de reminiscencias pre-democráticas. En todo caso, o 25 de abril permanece aí, nas nosas paredes e perfís de Twitter, como un póster do Che, a constatación de que algunhas cousas só puideron chegar a ser fermosas porque nunca aconteceron, como sucede tamén con certos amores de xuventude: o soño convertido en realidade comeza a mostrar defectos que non te esperabas. Sobre todo aqueles soños que comportan expropiarlle aos poucos os seus medios de acumulación de plusvalía, que nunca resulta ser unha operación pacífica.

Estabamos divagando. Centrémonos, que é o mandato político da nosa era. A vitoria de Macron foi aplaudida por todo o mundo no arco parlamentario nunha desas estrañas unanimidades que deberían suscitar as nosas sospeitas ou servir como síntoma e demostración do universo post-político que habitamos. O día de véspera, o sábado, un esforzado columnista tentaba demostrar desde as páxinas dun xornal progresista madrileño que Macron é un político de esquerdas, e para facelo apelaba nada menos que á súa reforma laboral, unha na que se rebaixaba o cómputo de días a indemnizar por ano traballado no despedimento. Se alguén desde a esquerda non entende ben a ecuación, o problema é seu, que non dá asimilado o concepto danés de flexiseguridade, e non de Macron, que abaratando o despedimento fai política de esquerda aínda que non o pareza.

Feijóo tampouco tardou moito en felicitar a Macron polo seu éxito, mentres vai descendendo pola Ruta da Prata cara á Moncloa pisando esa magnífica alfombra centrista que para el fabricaron os devanditos medios progresistas. Pouco importa que onte mesmo permitise o pacto de Vox e Mañueco en Castela e León. Pouco importa que o ultra-Casado non vise con bos ollos esa mesma operación. Feijóo é un centrista porque así o levamos predicando os últimos trece anos, din en Madrid, e, ademais, non saíu na foto, que é o que conta. Ninguén fixo aínda as contas do balance económico da Xunta de Feijóo en empregos destruídos durante o seu mandato, galegos e galegas emigradas ou industrias pechadas, ninguén o fai porque, seguramente, forma parte dos seus méritos como o virrei que foi destinado temporalmente en provincias.