Adoitamos lembrar con admiración autores e datas dos grandes inventos e descubrimentos que contribuíron ao progreso da humanidade como a imprenta, a máquina de vapor, a penicilina etc. Pero case ninguén se acorda doutros descubrimentos , aparentemente máis humildes, que ensancharon as nosas liberdades e permanecen inxustamente ocultos. Tal é o caso dos signos de puntuación, inadvertidos e invisibles marcadores que malia apareceren por miles ao longo das páxinas dun libro e ser parte esencial da súa arquitectura, son invisibles para a maioría dos lectores.

Nun principio a escritura era un simple procedemento para conservar o que se dicía ou pronunciaba, destinada exclusivamente a ser proferida. E, consecuentemente, a organización da escrita tiña unha arquitectura oral, era unha scriptio continua sen espazos entre palabras onde o único que podía parecerse á puntuación actual eran os denominados parágrafos, unhas liñas horizontais para marcar o comezo e o final dun grupo fónico. Os poucos lectores que había soamente podían acceder ao significado da escrita despois de lela repetidas veces en voz alta. Era exclusivamente cousa de especialistas que procuraban non difundir a súa habilidade para non compartir o privilexio que lle outorgaba estar ao servizo dos poderosos.

Esta circunstancia comportaba tamén que toda escritura estaba destinada a lecturas colectivas, moito máis doadas de controlar polo poder. Desta maneira ao longo dun extenso periodo de tempo, toda a Idade Media, a lectura e a información estaban mediatizadas, líase no púlpito, na universidade e nos mosteiros. Por este motivo foi tan importante conquistar a lectura silenciosa, individual, visual, que se constitúe como unha forma de rebelión contra das clases dominantes. A conquista foi lenta e consta de numerosas batallas, moi ben ilustradas na disputa medieval (disputatio) entre os sentidos da vista e do oído; tratábase de ordenar a escritura de tal xeito que determinados signos fixasen a pauta da comprensión da mesma poñendo orde gramatical. E foi posible grazas a que as relixións bíblicas —xudaísmo, cristianismo, islamismo—, transmitidas mediante libros sagrados —Tanai, Biblia e Corán— preocupadas pola conservación dogmática da súa doctrina, poñían especialísimo coidado na interpretación e conservación da mesma. Esto explica que os mestres cristianos adoptasen o papel de “puntuadores” xa que a maneira de como se copiase a Biblia era fundamental para a súa comprensión e interpretación. A preocupación de san Xerome (340-420) pola puntuación dos textos sagrados, pola súa gramaticalización, foi compartida, entre outros, por Carlomagno, asistido polo conselleiro Alcuino de York que dirixe a escola de Aquisgrán (782-796) mellorando a puntuación e proporcionándonos a letra minúscula carolinxia para avanzar na liberación do texto escrito. Non obstante durante toda a Idade Media a lectura en voz alta foi a dominante en igrexas, prazas e salóns onde se celebraban grandes banquetes porque a lectura silenciosa era sospeitosa de posibles desviacións.

Non será ata o século XV que a lectura silenciosa iniciada, paradoxalmente, nos scriptorium dos mosteiros, se impoña acabando co monopolio da interpretación da escrita por parte de igrexa. Todo grazas á imprenta e á nova puntuación ideada polo impresor Aldo Manuzio en Venecia. Foi este quen colocou a primeira “coma” e “punto e coma” modernos e agasallou ao mundo o libro de peto. Aldo Manuzio, moito máis que o editor de libros fermosos, colocou a primeira “coma” impresa en 1494 dous anos despois de que Colón descubrise América, dous acontecementos decisivos para a cultura europea. A cultura autoritaria de transmisión oral rematou grazas a que o impresor italiano Aldo Manuzio trasladou as preocupacións textuais dos intérpretes e comentaristas da Biblia aos textos dos autores clásicos greco-latinos para comezar unha nova era onde as deostadas e sempre perseguidas erratas deixaron de ser unha herexía. A primeira pedra do humanismo europeo foi unha coma, a vitoria da vista sobre o oído.