La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Ánxel Vence

Crónicas galantes

Ánxel Vence

As Letras da Rede

Coinciden tal día coma hoxe a festa das Letras e maila de Internet, o que se cadra non ha ser un puro azar do almanaque.

Si o festivo con ponte de propina que se celebra en Galicia quere avogar pola salvación dun idioma en retroceso, xusto o contrario ocorre na Rede, territorio natural do inglés que domina nese espazo da tripla WWW. A actual lingua franca do mundo recibe aí unha impagable promoción de balde, como si lle fixera falta.

Máis que unha coincidencia, seica podería tratarse dunha metáfora. Ademais dun gran invento, Internet é unha das máis visibles expresións do mundo globalizado que vai reducindo a diversidade das especies, dos costumes e, por suposto, das linguas. Maiormente no caso das minoritarias como a galega que, paseniñamente pero sen pausa, está a esmorecer por simple perda de xente que a fale.

Pouca defensa ofrece diante diso a invención —feliz— dun 17 de maio que xa case que desprazou ao tradicional 25 de xullo como festa máis simbólica do país.

Noutras terras, o habitual é que as festas nacionais conmemoren feitos de armas, pero non tal no caso de Galicia, onde lle somos máis de letras que de ciencias (ou iso pensabamos). Nunha das nosas moitas extravagancias, preferimos darlle unha xornada de cariño aos libros e ao hábito da lectura, case tan minguante como a lingua do país.

Nisto coñécese que os galegos conforman un pobo do máis literario, no que o número de escritores ben podería empatar co de presuntos lectores. En Compostela atopou Cela, por exemplo, a un limpabotas devoto de Platón e Shakespeare que era quen de recitarlle ao Nobel de Iria Flavia algún capítulo de La colmena. E tampouco era raro ata non hai moito que as xentes do campo enfiasen rimas de Rosalía Castro na crenza de que eran “populares” e, por tanto, anónimas.

Imitámonos un pouco neste costume do Día das Letras aos cataláns, que fan do seu Sant Jordi unha requintada festa na que se intercambian libros e flores. Aquí, na Galicia da revolución industrial pendente, sentimos unha parella devoción polas letras e a lingua, sequera sexa un día ao ano.

De ningún xeito se contradí o anterior cos baixos índices de lectura testemuñados polas estatísticas: quer en galego, quer en castelán. Este último dato, que é certo aquí e se cadra en Pequín, ten o seu alivio e contrapartida no excelente desempeño dos rapaces galegos en cuestión de lectura.

O informe Pisa sitúaos, efectivamente, entre os máis espelidos de España no eido das Letras; se ben é certo que o seu desempeño é aínda mellor no ramo das Ciencias, contra o que se tende a pensar. (Ciencias que se imparten maiormente en galego, o que seica ha derrubar algúns prexuízos que aínda subsisten).

Ten o seu aquel, quer como for, que o Día das Letras comparta data co Día de Internet. A Rede, que tanto progreso trouxo e tan mal se utiliza cando se desaproveitan as súas vantaxes na parvada das redes sociais, veu cambialo todo, incluída como é lóxico a nosa relación coas linguas.

Os tradutores automáticos, cada día mellores, dannos acceso a textos en calquera idioma; aínda que o certo é que o inglés vaise impoñendo no mundo dixital igual ca no analóxico. Mala noticia para as linguas pobres en usuarios, como a que motiva a festa de hoxe en Galicia. Será cousa de botarlle imaxinación ao invento para que as Letras e Internet coincidan máis alá dun día festivo ao ano.

Compartir el artículo

stats