Se solicitamos o préstamo dun libro de calquera biblioteca do mundo occidental e reparamos no lombo do mesmo deseguida veremos un pequeno selo no que figura a sinatura de identificación correspondente que posibilita localizalo deseguida entre os miles ou millóns de títulos que constitúen os seus fondos. O método que posibilita esta especie de milagre, denominado Clasificación Decimal Universal (CDU), data de 1873 e culmina séculos de traballo e pensamento.

Adoita admitirse que clasificar é a primeira forma de saber como moi ben nos ilustran os intentos de facelo cos animais terrestres, peixes, coas plantas, coas persoas, coas estrelas etc. Non se escaparon deste afán clasificador os libros, considerados xa na antigüidade como obxectos valiosos pola súa capacidade de transmisión e preservación do pasado e xa Calímaco (320-240 antes da nosa era), elaborou un catálogo da Biblioteca de Alejandría (anos 260 ao 240 a. n. e.) da que era bibliotecario. Pero o interese do tema da clasificación dos libros radica na estreita relación que sempre mantivo coa visión do mundo, co coñecemento do mesmo e co sistema de ensino de cada época. Estas mesmas vinculacións explican tamén o carácter cambiante das clasificacións, sometidas e dependentes do progreso da ciencia e do coñecemento do mundo. Malia que a base da estrutura da clasificación dos libros foi filosófica tamén se tiveron en conta consideracións de orde práctica.

A primeira reflexión completa e elaborada sobre a clasificación do coñecemento foi a realizada por Aristóteles que dividiu as ciencias entre teóricas, prácticas e especulativas e que servirá de marco de clasificación para a cultura clásica e cristiana que a través do Trivium (Gramática, retórica e dialéctica) e Quadrivium (música, astronomía, Xeometría e Aritmética) serveu de base para a ordenación das bibliotecas monacais e das primeiras universidades ata o Renacemento. Este sistema setenario, de gran influencia no ensino, era condición previa para acceder aos estudos de Teoloxía e Filosofía aos que estaba subordinado.

Pero o Renacemento desafiou a imaxe que proxectaba a Idade Media do mundo coa Reforma, coas viaxes, coas monarquías absolutas en sustitución do poder feudal, a hexemonía económica dos comerciantes, que conformaron unha nova imaxe do mundo e do coñecemento. Os extensos fondos bibliográficos producidos pola imprenta provocaron neste momento varias e novas clasificacións de gran importancia. A ciencia centrouse na natureza, no corpo humano e na enxeñería civil e militar que dá lugar a novas disciplinas como a anatomía, patoloxía e química. Como consecuencia Aldo Manuzio (1450-1515) para facilitar o comercio bibliográfico propón unha nova clasificación dos libros que contempla cinco grupos: Gramática, Lóxica, Poética, Filosofía e Sagrada Escritura. Pero será Francis Bacon (1561-1626) quen dá forma definitiva á nova clasificacións das ciencias rompendo coa tradición medieval escolástica para anunciar o mundo experimental da ilustración. A Enciclopedia, pouco máis tarde, supón unha nova concepción do mundo científico que será recollida na voz “Catálogo”, redactada polo bibliotecario David. No século XIX, seguindo os postulados de Comte xurden novas clasificacións que desembocan no método práctico de clasificación de Dewey, orixe da actual CDU, seguida na maior parte do mundo.

Interesantísima a crítica e desmitificación da manía clasificatoria que fai Michel Foucault (1926-1984) apoiándose no ensaio de Borges (1899-1986) El idioma analítico de John Wilkins onde o escritor arxentino, exhumando unha clasificación surrealista dos animais (pertenecientes al Emperador, embalsamados, amaestrados, lechones, sirenas, fabulosos, perros sueltos, incluidos en esta clasificación, que se agitan como locos, innumerables, dibujados con un pincel finísimo de pelo de camello, que acaban de romper el jarrón, que de lejos parecen moscas) defende que non hai clasificación que escape ao arbitrario porque sempre partimos do feito de que ignoramos que é o universo. O bibliotecario Borges, sempre o sal de todas as salsas.