“Nin tan sequera os mortos estarán a salvo se o inimigo vence, e o inimigo non deixa de vencer”, penso nesta parte das Teses da filosofía da Historia de Benjamin mentres vexo mallar a policía israelí nos palestinos que tiveron a ousadía de levar o cadaleito no funeral da xornalista palestina de Al Jazeera, Shireen Abu Aklhe, asasinada días antes mentres exercía o seu traballo en Cisxordania. Pregúntome que pensaría Walter Benjamin sobre o que acontece hoxe en Israel. El que morreu en Port-Bou fuxindo do nazismo en dirección á España de Franco, o que amosa que ata no inferno hai categorías, que pensaría sobre o estado de Israel? Pensaría, coma nós, que as vítimas de onte, os xudeus baixo o nazismo, son os verdugos de agora e que a súa brutal persecución e xenocidio por parte dos nazis forma parte dos atenuantes, da coartada moral das súas atrocidades? Pensaría tamén que non existe un mecanismo de chantaxe máis eficaz que a conversión da lexítima crítica política en delito de lesa humanidade, antisemitismo, complicidade co Holocausto? Nunca o saberemos pero, desde logo, o Israel de hoxe non ten nada que ver coa utopía mesiánica e comunista que el soñou hai oitenta anos: xa non existen propostas de clase sobre o terreo capaces de superar as divisións sectarias relixiosas.

Sen dúbida, os libros de estilo da maior parte do xornalismo occidental deben conter un apartado específico para tratar os asuntos que acontecen en Israel, Gaza, Cisxordania ou Xerusalén, a xulgar polos titulares destes días. Na maior parte deles, escóllese un verbo intransitivo, morrer, para describir os feitos, cando o certo é que Shireen Abu Aklhe non morreu, senón que foi asasinada a sangue frío polo exército israelí, que non aparece nas novas ata o primeiro parágrafo. “Ás veces, toda a loita de clases pode ser resumida na loita dunha palabra contra outra palabra”, que diría o vello Althusser. Shireen non morreu, matárona.

Pero por que despois deste feito terrible a policía israelí carga no enterro da xornalista? Por que non permiten que o seu pobo lle rinda a homenaxe multitudinaria e unánime que sen dúbida merece? Estamos ante un acto premeditado e calculado, levado a cabo, ademais, cando a opinión pública internacional, ese espectro, empezaba a condenar timidamente e nos termos escasos antes descritos o asasinato de Shireen. Desde logo, non se trata dunha cuestión banal, nin de intendencia, hai un exceso de violencia aquí, unha mensaxe que se quere enviar.

En primeiro lugar, cómpre intimidar o inimigo, facerlle sentir a súa cativeza e indefensión. Sometelo ao medo e o terror, á certeza de se enfrontar a unha forza case omnipotente e implacable. En segundo lugar, a provocación. Trátase de provocar unha resposta por parte dos palestinos que, pola súa natureza terrorista, lexitime e ampare a violencia preventiva que sobre eles exerce a diario o estado israelí. “A tradición dos oprimidos móstranos que o estado de excepción no que vivimos non é a excepción senón a regra”, anotou Benjamin. Viva Palestina!