A palabra “prospecto”, coa significación de anuncio que anticipa a aparición dunha publicación, convertida case nun arcaísmo, remítenos á época de esplendor fundacional da prensa no século XIX. Obras por entregas como o Diccionario de escritores gallegos e a Historia de Galicia de Murguía ou as cabeceiras de La Oliva, El Miño tiveron, como outras moitas, prospecto anunciador mediante unha especie de folla voandeira que anticipaba a filosofía e intencións de libros e cabeceiras xornalísticas.

Levamos, e comeza o meu particular prospecto, varios anos traballando na historia da Real Academia Galega, que consideramos esencial nun país, Galicia, que padeceu a ausencia de institucións autóctonas vertebradoras. De aquí o recurso a refuxiarnos nos “lugares de memoria” —Banquete de Conxo, Mártires de Carral, Traslación de Rosalía etc.— como ancoradoiro necesario da nosa memoria como nación. Non pretendemos co noso traballo censurar conductas, aspiramos a analizar discursos basándonos na xeración dos mesmos a través da documentación oficial, das cartas intercambiadas, dos medios de comunicación e dos xestos políticos e culturais que transmiten. Malia que se anticiparon achegas notables falta unha visión de conxunto que contemple a institución desde unha perspectiva global na que non falte a visión receptora da sociedade galega sobre a traxectoria institucional. A perspectiva cronolóxica, inevitable, non debe ocultar a análise do discurso fixado nos obxectivos perseguidos e nos medios para acadalos, que non dependen exclusivamente dos presidentes, moitas veces meros instrumentos do propio discurso institucional. Así, por exemplo, é obvio, nunha primeira etapa, que o discurso fundacional da RAG ao servizo do rexionalismo, mantense ata 1936 durante o mandato de cinco presidentes (Murguía, Martínez Salazar, Ponte Blanco, Eladio Rodríguez e Lugrís Freire) empeñados en lexitimar e documentar unha nación con existencia secular, argumentaban, pero invisibilizada polo discurso do Estado. Obviamente o discurso da Academia temos que analizalo, como temos dito, a través non só da documentación oficial, temos que adentrarnos no moi espresivo discurso epistolar e nos medios de comunicación da Galicia interior e da Galicia da diáspora. Ben entendido que o discurso académico nesta etapa fundacional comeza nos anos finais do século XIX.

A unha segunda etapa (1936-1950) de transición e de azarosa supervivencia, onde se abandonan os obxectivos fundacionais, seguirá a etapa máis longa (1950-2022), centrada nun culturalismo no que podemos diferenciar varias fases: o silencio como discurso ao servizo de Galaxia, que se inicia simbolicamente coa entrada de Ferro Couselo en 1951 e culmina coa presidencia de Sabell. Esta fase de silencio creou arredor un baleiro que posibilitou a fundación e desenvolvemento doutras institucións como o ILG (1970), Consello da Cultura Galega (1983) ou o Ramón Piñeiro (1993) que se converterán pasados os anos en centros colonizadores das competencias non exercidas pola RAG. Mesmo o Día das Letras Galegas está xustificado no seu escrito iniciador como promoción do libro galego xa daquela con Galaxia ao timón. De seguido, a preocupación normativa interesada por Piñeiro ao servizo da editorial do grupo é causa do pacto co ILG iniciado simbolicamente coa entrada de Constantino García (1982). O único desvío deste rumbo culturalista cunha RAG en stand by veu provocado por desencontros personais en Galaxia, que abriron a posibilidade da entrada de Barreiro e Ferrín (2001-2013) intentando ambos, por unha parte, restaurar o proxecto lexitimador de Galicia como nación e, por outra, anovar e actualizar os medios para dinamizar unha institución de escasa presencia na sociedade. O resultado final, de todos coñecido, foi a recuperación do mediático sorriso de Daniel.