Johán Carballeira fixo hai moitos anos (El Pueblo Gallego, 27-III-1929) un chamamento aos mozos galegos para alertalos contra da sabiduría do “sentido común” que, cangado de pasado, é a negación do futuro. Os seus contundentes argumentos conducen á conclusión de que o “sentido común” é unha ferramenta ao servizo do poder establecido porque fomenta o conformismo e a preguiza, non posibilita o diálogo e sacraliza a tradición. Contrasta esta sorprendente e moi lúcida opinión de Carballeira coa acepción da expresión recollida na nosa lexicografía que a define como “calidade ou capacidade de xulgar e actuar cabalmente, bo xuízo”, que apunta a unha disciplina, outra máis, ao servizo de poder. Probablemente esteamos diante dunha guerra secular, outra máis, onde os detractores da inercia do “sentido común” actuamos dun xeito que nos lembra a doutrina da doble moral na teoloxía católica: cren pero non actúan como se cresen de todo.

De calquera xeito non podemos negar a frescura anticipadora do chamamento de Carballeira aos mozos galegos se valoramos certos datos históricos que nos proporciona Peter Brown, un investigador de culto, que nos demostra que o sentido común dunha época determinada sempre depende de pensamentos e comenencias especulativas. O seu exemplo, seguindo a C. Geertz (El sentido común como sistema cultural), comeza por recoñecer as dificultades de combater a sabiduría do “sentido común”, que se presenta sempre mediante epigramas, refráns, chanzas e anécdotas e non mediante estudos formais e doctrinais. Efectivamente, o material e formato do “sentido común”, apoiado na tradición, transmitido polo pobo, oculta sutilmente a intervención inspiradora da elite económica. Temos que admitir que non resulta doado loitar contra das inercias seculares nomeadamente cando veñen avaladas pola conciencia social de que o “sentido común” é o máis democrático dos sentidos debido a que todos coidamos ter dabondo, tal como ten apuntado Alfonso Reyes.

Se continuamos co libro de Peter Brown podemos ver de maneira nidia a tiranía do discurso do “sentido común” nunha época nada sospeitosa, o tardoimperio romano (312-500 da nosa era aprox.). Para os seus obxectivos baséase nomeadamente na análise dos sermóns de Agustín de Hipona, S. Ambrosio e S. Xerome e numerosos historiadores pagáns sobre a riqueza. Para empezar, a riqueza non era para os tardorromanos un tema que había que analizar de forma sistemática por mor dunha brutal realidade: o Imperio Romano non era un mundo libre. Como consecuencia as cousas das que se sentían libres para falar eran moi limitadas. A esto temos que engadir a educación retórica exercida durante séculos que insistía na importancia das condutas individuais fronte das estruturas sociais nas que actuaban. En semellante visión do mundo, ricos e pobres eran dúas categorías de persoas das que se esperaba a xenerosidade dos primeiros e o agradecemento dos segundos. Esta xerarquización establecía como relación intersocial única a doazón. As mesmas moedas acuñadas na época de Nerón ou Constantino mostraban o emperador distribuíndo alimentos entre o pobo. Nesta situación o máis urxente era a frecuencia dos encontros entre doantes e suplicantes. O papel do sermón da igrexa era abrir os corazóns dos poderosos, estimular a súa xenerosidade mediante a persuasión e a mellor ferramenta para conseguilo era o “sentido común” que apoiado na sobria vetustas, a sobriedade dos tempos antigos, a sobria tradición, axudaba a consolidar o mundo compartimentado e ávrego que os rodeaba. Xosé Francisco Gómez de la Cueva (1902-1937), coñecido como Johán Carballeira, inmerso nas loitas socio-políticas da súa época adiantouse a estes estudosos cando denunciou con intelixencia premonitaria o pernicioso conservadurismo do “sentido común”, galeguizado nese “sentidiño” que se coou na linguaxe e nos medios de comunicación… ao servizo do poder económico. Carballeira morreu fusilado polos militares golpistas en abril de 1937.