O pasado 16 de maio, ao pé da Catedral de Santiago, pousaba para os medios o novo goberno galego presidido por Alfonso Rueda. Un pouco antes, o sexto presidente democrático da Xunta facía un chamamento a que “todas as consellerías se impliquen no Xacobeo”, evento ocasional ao que xa un días antes outorgara condición permanente no seu proxecto de Galicia. Talvez non era consciente, pero así viña pechar un círculo simbólico que se remonta catro décadas atrás, cando o conflito sobre as sedes autonómicas (tamén coñecido como “o da capitalidade”) se converteu nun confuso antagonismo entre a visión progresista da novata autonomía e a visión conservadora, que semella que foi a que triunfou.

De seguro, esa descrición causa rareza. Especialmente desde posicións de esquerda e galeguistas. “Pero o da capitalidade non foi unha cousa localista e de dereitas que derivou no vazquismo?”. Sendo lexítima esa visión, peca de reducionista a pouco que se mire de abaixo a arriba. Non é tan sinxelo.

Momento da manifestación pola capitalidade na Coruña, hai xusto agora corenta anos. LA OPINION

Porque repasar os feitos de 1982 e analizar o periplo do auto-goberno ata hoxe obriga a novas visións, que para os que desde A Coruña nos significamos en posturas progresistas e galeguistas pasan tamén por propoñer un exame apenas realizado en todo este longo tempo. 

O galeguismo, o nacionalismo e, en menor medida, algunha formación á esquerda do PSOE trabucouse naqueles días, non estivo á altura da cidade, non foi quen de apreciar que o coruñesismo, ao que daquela renunciaron, tamén é unha forma marabillosa de galeguismo. Facer auto-crítica non é pecado. Só un reaccionario se enfronta ao paso do tempo.

Sectores do galeguismo progresista arrastraban unha cultura conservadora detrás, de ruralismo paternalista e desconfiada das grandes cidades

Cúmprense xusto 40 anos da manifestación máis multitudinaria da historia da cidade sobre temas próximos, unicamente comparable ás do recibimento a Casares Quiroga nos anos 30, á de Nunca Máis das maletas e, sobre todo, ás que pedían autonomía galega neses mesmos tempos da Transición. Aí está a clave. Como foi posible que xusto ás dúas cidades que máis se mobilizaron polo auto-goberno sexan exactamente as dúas (A Coruña primeiro e Vigo agora) que crearon, con apoio nas urnas, sistemas políticos locais bastante illados respecto á propia autonomía? Iso nos leva ao marco cultural conservador e centralista que temos no país, que acadou o seu maior éxito cando en 1982 se impuxo o modelo concentrado en Santiago, idéntico ao que agora Rueda considera principal recurso para Galicia.

Malia a posterior deriva anti-galeguista dalgúns dos seus líderes, repasar o conflito da capitalidade desde a mirada das datas nas que acontecía amosa unha multidude convencida, na que as mesmas bandeiras galegas (sen caliz nin estrela) que un ano demandaban auto-goberno tres despois esixían o papel principal que lle correspondía á súa cidade, que xa en 1920 as Irmandades da Fala definiron como “capital da nosa terra”. Falamos da Coruña, a urbe que sempre representou en Galicia o principal emisor de ilustración e progresismo; a que nas primeiras eleccións de proximidade no regreso da democracia -municipais de 1979- foi a que máis votou a esquerda e galeguismo de todo o territorio. Eses días, en pleno debate sobre a capitalidade, a asociación de veciños do Barrio das Flores convocou unha asemblea para demandar que a Xunta se instalase na Coruña, un acto que remataron cantando o Himno Galego. Lembrar ese detalle axuda a engadir verdade popular á narrativa que reduce todo o que ocorreu a unha conspiración de elites -que algo sempre hai- e obriga a analizar máis, ampliando o foco. Os rexistros fotográficos da manifestación do 8 de xuño de 1982 ata descobren unha pancarta na que se falaba de Coruña Capital, Galicia Ceibe. Iso a xente. Nalgúns partidos nesa liña, o enorme erro.

Momento da manifestación pola capitalidade na Coruña, hai xusto agora corenta anos. LA OPINION

Trabucouse e moito ese galeguismo, nacionalismo e federalismo da cidade coa súa renuncia a liderar aquel movemento transversal. Aproveitouno quen estivo listo e logo soubo canalizar esa identidade, dato obxectivo. Dicilo non equivale a darlle un aplauso cultural ao La, la, la de 2006, só a que se recoñeza un desatino, como o demostra o feito de que ninguén dos heredeiros locais das siglas políticas que quedaron fóra do consenso cidadá de hai corenta anos renuncia agora a un relato coruñesista, desde as perspectivas que sexan, ao tempo que o discurso galeguista está plenamente activo na maioría da actual Corporación e, por suposto, na Alcaldía.

Pero aínda máis se trabucaron coa Coruña fóra dela, no suposto nome de Galicia.

Sectores fundamentais do galeguismo/nacionalismo progresista arrastraban, e algo queda, unha cultura conservadora detrás, de ruralismo paternalista e desconfiada das grandes cidades. Pegada ao tradicionalismo, que tamén supoñía e supón a opción natural da dereita debedora de Manuel Fraga. Iso era -con moitos excesos e máis dun oportunista- o que criticaba o pobo da Coruña en 1982, no que como sempre a maioría viñamos de fóra, pero cuxa “galeguidade” temos que aturar que se poña en dúbida, a pesar de que a nacionalidade galega cívica prácticamente naceu nestas rúas, nas que hoxe ten o maior potencial. Case todos os argumentos máis aprezados a favor da capitalidade referíanse ao desexo dunha Galicia moderna; case todos os que defendían a Santiago afirmaban que ela era a “capital espiritual”. Parece evidente onde estaba tamén o debate. Gañou o conservador, agora instalado nesa Galicia política, económica e culturalmente reducida ao Xacobeo.

Momento da manifestación pola capitalidade na Coruña, hai xusto agora corenta anos. LA OPINION

E a manifestación da capitalidade de hai 40 anos foi máis. Por exemplo, unha proposta de descentralización nunha Comunidade sen unha Barcelona. A pancarta que abría a xigantesca marcha pedía Parlamento en Santiago, Xunta na Coruña. Na Coruña había entón catro consellerías, non quedou nin unha. Na altura, o alcalde de Vigo pedía “tantas sedes da Xunta como calquera”, unha idea lóxica pero inactiva porque, confundindo derbi con política, apostou todo á opción que significou centralismo, algo que agora alí talvez se vexa distinto.

En 1982 existiu a posibilidade de construír unha autonomía cun marco cultural distinto ao conservador e esencialista. Non puido ser. Pero o auto-goberno xa ten 41 anos, é o suficientemente maior para afrontar novos debates. O da capitalidade está pechado (e non fai falta dicir que Compostela é un orgullo e patrimonio universal) pero un pulo do século XXI para o país ten que repartir xogo, centrarse moito na Coruña, e nos motores da Comunidade, nunha descentralización efectiva que, para comezar, distribúa varias consellerías polas cidades, especialmente a que, desde sempre, foi o foco de progreso de Galicia, onde máis e mellor se pensou e proxectou a nosa nacionalidade histórica de futuro: A Coruña.