Do mesmo xeito que o capitalismo concibido por Adam Smith parte dunha hipótese ficticia: a da escolla libre e racional do consumidor ante unha serie de produtos que se lle ofrecen nun mercado neutral no que compiten diversas forzas en igualdade de condicións, a democracia liberal parlamentaria, que é a súa forma política predilecta, parte do mesmo suposto: o dun cidadán libre e informado que vota por un determinado partido político en función do coñecemento dos seus programas, dos valores que cada un deles di representar ou da virtude da súa actuación no goberno, coñecementos todos eles acadados a través dos medios de comunicación. Tanto no suposto do consumidor no supermercado como no do cidadán o día das eleccións, que son cada vez máis tratados como o mesmo suxeito, a súa escolla libre e racional está condicionada por grandes forzas capaces de determinala como son as grandes corporacións capitalistas capaces de expulsar a competencia do mercado, o imperialismo ou o neuromarketing. Invalida o que acabamos de dicir a posibilidade dunha democracia verdadeira baixo o dominio do mercado? Non, mais resulta evidente que, cando menos, a limita en gran medida, tal e como nos lembraba Mario Tronti ao sinalar que a clase obreira fora derrotada pola democracia liberal, non pola loita de clases.

Hoxe, na sociedade post-racionalista que habitamos, a censura exércese de xeito máis sofisticado que antano, non mediante o silencio e o agochamento dos feitos, senón a través da proliferación do ruído e da mentira, é dicir, das fake news, tal e como denunciaba recentemente no seu ensaio sobre Julian Assange o filósofo italiano Bifo Berardi. Así, as declaracións escandalosas en Twitter da semana pasada de Antonio Caño, director de El País entre o 14 e o 18, nas que relataba as súas presións directas sobre Pedro Sánchez para evitar un goberno de coalición con UP, escandalizan non porque sexan falsas senón polo contrario, pola súa verdade: trátase probablemente dunha das escasas ocasións nas que este xornalista nos informou realmente sobre os feitos, sen edulcoracións nin maquillaxe. Non é que o xornalismo e os poderes económicos confundan os seus planos, é que o primeiro exerce ás veces como simple correa de transmisión do segundo, deslexitimando aquelas opcións políticas que cuestionan o consenso neoliberal vixente, cuestionando medidas concretas como a suba de impostos ás grandes empresas e a banca ou a regulación dos prezos de venda da enerxía, e directamente proscribindo outras opcións como a nacionalización do sector enerxético.

Feijóo é tan consciente da influencia dos medios en política que empregou 2,5 millóns de euros da Xunta de Galicia en untar xornais madrileños antes de dar o salto á política estatal. Tamén o persoal da CRTVG vén denunciando desde hai catro anos a manipulación sistemática da canle pública sen que isto supoña escándalo ningún alén do Piornedo, como tampouco foi noticia que, na liquidación de El Correo Gallego, un dos principais acredores fose Xesgalicia, ente que se debera dedicar á promoción industrial do noso país, non a dereita mediática.