Foi recibido o emperador no seu virreinato europeo co trato que sen dúbida merece. As mellores vistas, o Museo do Prado; as mellores instalacións, Ifema; a maior das unanimidades na prensa local sobre a importancia histórica da súa visita; a maior das dilixencias á hora de executar os seus desexos: alimentar o lume con máis lume. Porque, se a causa última da guerra de Ucraína foi a invasión ordenada por Putin, a causa primeira hai que procurala na expansión da OTAN cara ao leste, considerada “o maior erro na política exterior norteamericana despois da Guerra Fría” por alguén tan pouco sospeitoso de exceso de escrúpulos como George Kennan, o autor do “longo telegrama” que sentou as bases da xeopolítica mundial posterior a 1945. Outro tanto pensaba, por certo, o Premio Nobel da Paz e instigador do golpe de estado contra o Chile de Salvador Allende, Henry Kissinger, o guionista implícito daquela obra mestra de Kubrik titulada: Dr Strangelove or how I learned to stop worrying and love the bomb, traducida ao español como: Teléfono rojo, volamos hacia Moscú, filme premonitorio destes tempos apocalípticos que nos tocou vivir.

E mentres parte da nova esquerda estatal aplaudía a cimeira da OTAN en Madrid como se se tratase dunha edición especial de Fitur especializada no turismo de guerra, Pedro Sánchez redimía os erros pasados do seu partido en relación con Norteamérica —a retirada de Irak decretada no 2013 por Zapatero no que foi o último acto soberano do estado español en política exterior— e asumía como propia a nova doutrina imperial: China foi acusada de rebelión por ter superado de xeito pacífico os Estados Unidos no terreo económico xogando coas regras do xogo establecidas por Occidente desde a OMC e aínda a pesar de estar rodeada dun número provocativo de bases militares norteamericanas. Grave delito seu, gañar respectando o laissez-faire imposto a sangue e lume por Occidente desde a Guerra do Opio, e sen imitar ademais ningún dos seus clásicos recursos competitivos, como invadir países subropicais para se apropiar descaradamente dos seus recursos.

Asume tamén a parte socialista do goberno o mandato de duplicar o gasto en defensa mentres a inflación galopa por riba dos dez puntos e os balances mensuais das enerxéticas e petroleiras amosan beneficios nunca vistos. O da transición enerxética e o cambio no modelo produtivo eran cousas que se dicían en tempos de paz, pero o rei pirómano ten toda a razón: está canso de tornar a nosa finca e agora debemos encargarnos nós mesmos da encomenda. Margarita Robles xa pode ir preparando o seu pedido a Javelin, nada de fragatas en Ferrol, e Borrell, o gafe das relacións internacionais, acaba de descubrir que a súa teima con pecharlle o gas aos rusos pode acontecer, por fin, pero ao revés. Feijóo, mentres, non sabe moi ben que facer ante tanta competencia pola dereita e, para compensar o subsidio de Ayuso aos millonarios, estuda reclamar outra baixada xeral de impostos. Mentres, as rúas calan e o medo impera.