Volve estar de moda nestas datas Max Aub como sen dúbida merece alguén que foi exemplo de dignidade e boa letra, nun país que atopa, ao regresar do exilio mexicano en 1968, satisfeito e desmemoriado, tal e como nos conta en La gallina ciega, cando menos na zona levantina, que é a súa patria particular, polo efecto liberador das divisas e dos corpos case nus dos turistas nos petos e nas ríxidas categorías morais do franquismo serodio. É mágoa que outros membros da súa mesma xeración e condición exiliada, como Arturo Barea, non atopen hoxe quen lles escriba, por non falar xa de Negrín, condenado polos seus desde Prieto, quen o proscribiu a ese círculo do inferno no que penan para sempre e en exclusiva os socialdemócratas que pactaron no seu día cos comunistas.

Os laios de Aub esténdense máis alá da España felizmente adormecida e gastronómica que observa, desolado, no seu regreso fugaz. El asume que existe toda unha tradición censora que se estende, como mínimo, desde os Reis Católicos, e aquela magna institución creada no seu reinado, a Inquisición, encargada de velar pola saúde das almas, a exclusión dos herexes, en definitiva, de que todo siga como está, como estaba. O ermo intelectual e político español é, pois, unha continuidade histórica: a galiña cega do título, que choca pracidamente ovos que non son os seus, descubriu unha felicidade final e completa na ausencia de preguntas, no atordamento.

A visión fondamente pesimista do panorama intelectual español que albiscou Aub hai máis de medio século produce o desasosego das profecías certas. A censura da disidencia segue exercéndose hoxe con maior ímpeto que daquela, un tempo no que resultaba doado identificar a versión oficial dos feitos. O acoso mediático ás forzas que emerxeron desde a crise do 2008: 15-M, Marchas da Dignidade, populismo de esquerdas, novo municipalismo, etc., recuperou o mesmo fervor guerreiro daquela cruzada nacional que librara o estado español da subversión republicana no 36. Foron eficaces no seu labor de zapa construíndo titulares informativos alucinados nos medios de Inda a partir dos informes ficticios de Villarejo, que eran logo amplificados nas matinais de Ana Rosa ou Griso e, finalmente, seica analizados na palestra nocturna de Ferreras.

Este é o esquema da fábrica da mentira a nivel de estado, unha trazabilidade tan simple que asusta. Mais tamén houbo en provincias quen asumiu como propio o labor heroico de contribuír á gran mentira e sumaron os seus modestos apelidos celtas ou castrexos á nómina castelá dos grandes salvadores da patria. Un traballo moito máis eficaz, por certo, que o dos grises no seu día: mallar nas conciencias e non nos corpos, vencer convencendo, por fin, sen necesidade de recorrer ao castigo físico ou ao golpe de estado latinoamericano cando se pronuncia tres veces seguidas a palabra nacionalización. Logo da súa vitoria impecablemente democrática retornará por fin a paz das linotipias, o silencio prometido, o ruído apagado. A mentira será útil entón para outros fins: lexitimar os recortes.