Luís Seoane (Bos Aires, 1910 -A Coruña, 1979) recoñecido artista plástico e gran promotor das máis variadas actividades culturais durante o seu longo exilio, apenas é recordado como o primeiro cronista da represión en Galicia, expresivo limiar da denominada guerra da tinta librada nos medios de comunicación. Foi posible esta circunstancia grazas á intervención e mediación do avogado porteño Norberto Frontini (1897-1985), un vello coñecido que chegara a Galicia por primeira vez no ano 1932 acompañando a súa esposa Mony Hermelo, artista arxentina de orixe galega. Primeiro, consegue Frontini a liberación de Seoane, detido como “soldado infractor” nada máis chegar a Bos Aires como cidadán arxentino fuxindo do franquismo. E posteriormente, posibilítalle a Seoane o acceso ás páxinas do xornal Crítica (1913-1962), a emblemática cabeceira de Natalio Botana (1888-1941) que por volta de 1936 tiña unha tirada de case un millón de exemplares, superando aos todopoderosos La Nación e La Razón.

Luís Seoane, o primeiro cronista da represión en Galicia

Seoane é neste momento, setembro de 1936, un mozo de vinteséis anos, avogado, noutrora activo estudante contra da ditadura de Primo de Rivera, ilustrador e debuxante ocasional que atopa acollida no seu país de nacemento, fuxindo da guerra e da represión que desata o golpe de estado de Franco.

A primeira das crónicas que publica Luís Seoane no sensacionalista xornal de Natalio Botana leva data do 31 de outubro de 1936 e está asinada co pseudónimo Conrado Alem en previsión de represalias sobre a súa familia, aínda en territorio galego. As máis de vinte crónicas que conforman a serie levan un titular común, El Terror Fascista en Galicia, e todas elas están ilustradas polo polifacético artista Carybé (pseudónimo de Héctor Bernabó (1911-1997) nacido en Lanús, nacionalizado brasileiro e falecido en 1997 en Brasil) pero apuntadas e inspiradas polo noso artista. Este, ademais, describe todas as formas de represión, desde a xudicial, a militar, a falanxista, a relixiosa etc., de xeito que o mundo societario galego accede a unha documentada información na que non faltan nomes e apelidos tanto de vítimas coma de verdugos.

Adiántase Seoane coas súas crónicas a publicacións emblemáticas sobre o mesmo tema: Lo que han hecho en Galicia. Episodios del terror blanco en las provincias gallegas contados por quienes lo han vivido. (Editorial España, París, 1938) e a súa versión francesa La Galice sous la botte de Franco. Episodes de la terreur blanche dans les provinces de Galice rapportés par ceux qui les ont vécus, (Jean Flory, 1938), deudoras ambas da información facilitada nas crónicas de Seoane.

Está moi interesado Seoane, nos comezos do golpe, en demostrar que o levantamento non pode xustificarse co argumento, mil veces repetido desde púlpitos e medios de comunicación, que dan os militares capitaneados por Franco de librar á península da barbarie comunista.

Polo demais as crónicas foron capaces de reunir co mesmo obxectivo da defensa da legalidade republicana a tres personaxes tan significados como diferentes políticamente: Frontini era un home de gran cultura, un humanista antibelicista, coleccionista de arte, compañeiro de María Rosa Oliver e doutros filocomunistas arxentinos como Ezequiel Martínez Estrada ou Elías Castelnuovo que acabaron facendo o gran tour da xustiza social pisando terra da URSS, recorrendo China e residindo un tempo na Habana; Natalio Botana, personaxe novelesco e imprevisible políticamente, falecido como consecuencia dun accidente de tráfico, conseguiu malia as numerosas claudicacións de Crítica soster un prestixoso suplemento cultural que contou con escritores consagrados como Roberto Arlt, Borges, os irmáns González Tuñón ou Ulises Petite de Murat.

A rigorosa biografía de Álvaro Abós (El Tábano.Vida, pasión y muerte de Natalio Botana. Buenos Aires: Sudamericana, 2001) móstranos un personaxe a medio camiño entre Al Capone e William Randolph Hearst, o magnate da prensa norteamericana, que protagonizará, antes da súa morte prematura, episodios coma o do mural de Siqueiros que no ano 1933 realizou na finca do empresario tal como nos narra a película El Mural (2010). Estas circunstancias e a súa morte prematura arredárono do círculo amistoso dos exiliados galegos.

A relación entre Frontini e Seoane foi unha historia de respecto, responsabilidade ética e admiración mutua durante toda a súa vida á que volveremos noutra ocasión. Paga a pena.