Sorprende gratamente comprobar que, por veces, cando retiramos a vista da actualidade e nos arredamos do escintileo do instante mediático, podemos atopar certos signos de esperanza no pasado. Pode servirnos de paradigma o significado actual dos muros levantados para crear fronteiras e aillar a miseria da opulencia. O exemplo un tanto distanciado do muro entre Estados Unidos e México non poden facernos esquecer o vergonzante eufemismo da nosa valla de Melilla, que semella referirse a un obstáculo olímpico cando en realidade está levantada para separar brancos ricos (así se consideran moitos pobres brancos) de negros pobres. Nesta mesma liña, o maior despropósito represéntao o estado de Israel, que constrúe vivendas e asentamentos colonizadores para expulsar os palestinos dos seus territorios ao sur de Xerusalén. Muros, vallas e vivendas como símbolo do fracaso da convivencia humana.

Afortunadamente os nosos “ollos mendigos de miragres”, como diría Manoel Antonio, queren lembrar hoxe, como contraste, outros muros e outras paredes que representan a esperanza e a liberdade, apenas un fío que nos separa da barbarie e da deshumanización.

Reivindicaba Luís Seoane (Unha arte da terra, Alento, setembro, 1934) nos anos da República, referíndose á arte en Galicia, a capacidade revolucionaria, por popular, de muros e paredes: Esta arte nova, nacional, xa non cabe na estreiteza mesquiña dunha minoría adiñeirada simplemente ou intelixente: fai falta saír eternizal-o seu dramatismo, nas paredes e nos muros que o han de facer profundamente popular.

Estas palabras de Seoane, cando tiña vintecatro anos, marcarán o rumbo da súa traxectoria como artista. Cando a partir dos anos cincuenta comece a súa obra muralista e reflexione sobre esta disciplina seguirá a manter os mesmos principios ideolóxicos: as paredes teñen a capacidade de mostrarse en liberdade, de mostrarse a todo tipo de público rompendo a barreira do elitismo cultural. Non nos debe sorprender, logo, que cando o pintor quere exteriorizar a súa poética moitos anos despois, volvan aparecer as paredes e os muros como referencia de liberdade se os empregamos como formato de comunicación directa, sen intermediarios, cos numerosos lectores alfabetizados que non sabemos ler. Confirma esta tendencia o seu poema inédito, titulado Nons para escribir nas paredes. Se o analizamos e cotexamos co citado breve texto de 1934 poderemos comprobar a fidelidade de Seoane a uns principios éticos e estéticos que aprendeu na Compostela das loitas contra a Dictadura de Primo de Rivera e contra dos estudantes conservadores da Universidade. Foi neste contexto de loita onde Seoane se decatou da importancia da propaganda (toda arte é propaganda) como difusora das ideas e da información liberadora. De aquí que apareza no poema, inédito ata hoxe, a sorprendente referencia ó panfleto (Somos a ironía, a sátira, o humor./Somos a caricatura,/o panfleto.) e no artigo anterior a cita textual de Toda arte é propaganda.

‘Nons para escribir nas paredes’

É o xeito noso de afirmárenos,/empacándonos,/de afirmar a nosa libertade./Non á guerra,/non ó imperialismo,/non ós cohetes bélicos,/non á bomba atómica./non ós burócratas,/á Universidade de clase,/ós ortodoxos,/ós censores,/ós demagogos,/ós verdugos./Non, non,/a todo o que é negativo./Non ó si dos abaixados./Non ó non./Non a todo aquello que refuga a paz,/a irmandade dos homes./Decimos non e afirmámonos./Vimos eisistindo dende denantes da historia,/dende sempre./Decote morrendo./Abourados, embrullándonos como a serpe sacra,/afirmando co noso non o porvir./Somos a ironía, a sátira, o humor./Somos a caricatura,/o panfleto./Somos a utopía./Somos a rebelión, a xusticia,/os irmandiños, os liberales, os roxos…/ollamos sempre de cara ó futuro./Somos a oposición./Dende ela constrúiese o porvir.

Así falaba Seoane con este plural identitario da arte galega; si, espírito identitario en defensa da liberdade da humanidade.