La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Eivas e aporías que perduran na cultura galega

Como é sabido na década 1926-1936 está acreditada na nosa cultura a confluencia de dúas xeneracións: por unha parte o grupo que se constitúe arredor da revista Nós —Castelao, Otero, Risco— e por outra os mozos —Maside, Seoane, Dieste, Manoel Antonio— que se agruparon arredor das revistas Ser, Alento, Ronsel, Guión, Yunque e os xornais El Pueblo Gallego e Galicia. Moitos destes últimos, menos historicistas e tradicionais que os anteriores según Carbalho Calero, que se presentaban como alternativa, padeceron especialmente os rigores da ditadura franquista e víronse forzados a un exilio que os afastou do seu país e desapareceron da súa historia.

De aquí que a situación complexa do creador exiliado, escindido, sin referencias receptivas, siga a amosar interrogantes e dúbidas sobre a súa posible reintegración na nosa historiografía. Non esquezamos que todas as historias da cultura, xa sexa literaria, artística ou política, aspiran á creación dun canon estable necesariamente excluínte no seu proceso de selección.

Cumpre a este respecto non obviar unha realidade: a Galicia exiliada tiña un proxecto de país diferenciado, causa principal do seu desterro, totalmente silenciado e deturpado pola ditadura pero que podemos reconstruír a través de revistas, epistolarios e outros documentos memorialísticos. Cando Seoane reivindica a súa xeneración de estudantes revolucionarios ou as raíces populares da nosa cultura non está pedindo protagonismo e visibilidade persoal, aspira á continuidade do proxecto galeguista e republicano fundamentado nos valores universais da solidariedade e da igualdade.

Pero paradoxalmente cando falamos de recuperación dos valores da cultura do exilio nunca incluímos os valores políticos que defenderon os exiliados. Esta eiva ten a súa orixe cando con ocasión da morte de Castelao no exilio o galeguismo piñeirista silencia e denigra, en coincidencia lamentable co franquismo, a súa capacidade política ao tempo que exalta as súas dotes artísticas. Tan evidente foi esta actitude evasiva e manipuladora que a Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires encarga, nun frustrado intento reparador, tres monografías sobre o rianxeiro, a Seoane, a faceta artística, a Blanco Amor a literaria e a Suárez Picallo a política. Desafortunadamente tan só Seoane cumprirá coa encomenda publicando Castelao artista (1959). E non é fortuita a data, pretendía coa súa entrega estimular as outras dúas como resposta ao piñeirismo que, ademais de montar un monográfico, restritivo, sobre Galicia na revista Insula, uns meses antes rexeitara un ofrecemento de colaboración do Consello de Galiza alegando, entre outras razóns, que as súas actividades políticas —celebración do Plebiscito de Autonomía, Galiza Mártir, Castelao político— eran efemérides desfasadas para perder o tempo e o diñeiro. Calificaba Piñeiro no seu informe a actividade política de Castelao como circunstancial e anecdótica e nesta teima renuncia o seu grupo a publicar en Galaxia o considerado testamento político do nacionalismo, Sempre en Galiza (Bos Aires, 1944), rescatado en 1976 pola editorial Akal.

Este comportamento desleal coa memoria política de Castelao por parte do galeguismo piñeirista, que chega a calificar o Consello de Galiza como “tinglado”, marcará o tratamento que vai recibir o discurso exílico galego, tan político en México como en Bos Aires malia a orientación diferenciada dun e doutro.

O antecedente de Castelao, ao que lle escamotean o discurso político, animounos a facer o mesmo con Seoane. Para logralo presentan os seus argumentos políticos e o seu discurso discrepante como froito do seu carácter colérico que protagoniza un teatral golpe nunha mesa do café Español diante de Ramón Piñeiro e dun grupo de universitarios acólitos do de Láncara. Contrasta esta actitude mesquiña coa nobleza dun Seoane discrepante con moitas das teses do nacionalismo que encarna Castelao pero que defende o Consello de Galiza (1944) como opción de resistencia moral e vehículo das aspiracións políticas dos derrotados na guerra. Nesta liña ennoblecedora de Seoane está a actuación da AGUEA no Congreso da Emigración Galega de 1956, a revista Galicia Emigrante, a exaltación do Seminario de Estudos Galegos e o seu discurso artístico, teatral e plástico, traspasado polos seus anceios de liberación de Galicia.

Compartir el artículo

stats