“Ola, son Giorgia, son muller, son nai, son italiana e son cristiá” con estas palabras, dignas dunha concursante das primeiras edicións de Gran Hermano, presentábase ante o público español a actual primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, nun mitin de Vox en Andalucía. Certo que moitas cousas que antes nos parecían afiches ideolóxicos de autoconsumo para xogadores de rol de nicho político —conspiranoicos do Q-Anon, teóricos da gran substitución, supremacistas brancos obsesionados cos chem-trails e coa axenda 2030, etc.— resultan ser hoxe mainstream ou, cando menos, asumibles para a maioría. E para que a visión do mundo difundida desde eses recónditos centros de produción de discursos de odio chegase a ser masiva, recrutaron como colaboradores necesarios a formadores de opinión considerados neutrais, mellor aínda se nos seus inicios militaran nalgunha cousa radical, antes de que os amansara para sempre o meteorito do Gran Consenso que impactou co noso planeta a principios dos 90.

Así, se facemos revista ás reaccións na prensa sobre o acontecido en Italia estes días atoparemos, como era de agardar, aos columnistas de extremo-centro restándolle importancia ao asunto. Savater, noutrora apóstolo da contracultura posmoderna, dinos que o de Italia non vai ser para tanto, que o malo é o noso, onde un goberno de coalición pula cada día pola igualdade subindo o salario mínimo e facendo políticas fiscais progresivas. Juliana, no seu papel habitual de gran botafumeiro atlantista esforzado hoxe en sufocar os malos cheiros procedentes do escape de gas ruso do Nordstream II, asegúranos que non hai de que se preocupar, que alí está Berlusconi ao mando e que as mama chicho non fan surf. Entre nós, os zipi zape da regresión centralista de cada día comentan que o de Italia só pode significar algo: que a xente está farta de caralladas e hai que volver ao rego, é dicir, Feijóo.

Pouco se parecen estas reaccións devanditas ás trompetas da apocalipse que acompañaron a aparición en escena de Syriza e o 15-M, outros que tamén pretendían equilibrar as regras de xogo da relación norte-sur sen conservar obediencia absoluta ás leis do Mercado. O fracaso de Tsipras, o da esquerda naquela altura para ofrecer unha alternativa en clave igualitaria ao consenso de ferro neoliberal promovido pola trepia UE-FMI-BCE, está no cerne da atracción de hogano pola extrema dereita. Está por ver aínda se os Fratelli van rachar co establishment ou non. De momento, o que amosa a caída de Boris Jonhson é que non é tan doado reconstruír as fronteiras do estado-nación sobre a base do capitalismo globalizado: cómpre seguir explotando man de obra migrante a baixo custe para poder soster a actual e decrecente taxa de beneficio.

No seu discurso andaluz, Meloni evocaba de xeito implícito a solidariedade entre Franco e Mussolini durante a Guerra Civil. Cómpre lembrarlle que en Guadalajara as brigadas internacionais, os milicianos do exército popular e os tanques soviéticos frearon en seco a marcha triunfal das divisións italianas cara a Madrid. O antifascismo, dinnos, non gaña eleccións, pero gañou no pasado batallas que non debemos esquecer.