Os alcumes xa na antigua Roma eran un hábito popular que cos proverbios, festas saturnais, cancións e oráculos caracterizaban a denominada pequena tradición, que contrastaba coa grande tradición da educación clásica, con dominio do grego, a filosofía e a retórica, de moi difícil acceso para o 99% da poboación do Imperio. Pero mentres esta, a cultura da gran tradición, a cultura escrita das elites, era merecente de ser estudada e transmitida por si mesma, a cultura popular, a pequeña tradición, sempre foi estudada e transmitida como complemento da superior, de maneira oral, oculta, críptica, utilizada ocasionalmente polas clases dominantes.

Malia esta circunstancia os alcumes, nacidos no seo da cultura oral do pobo, levados nas máis diversas linguas e culturas a todos os corrunchos, traspasaron a convulsa historia da humanidade para presentárense sempre actuais, ben para identificar a xente ou ser motivo de risa como froito do inxenio do pobo, cualidade sempre valorada na cultura popular.

E conservan os alcumes unhas características comúns despois dos moitos séculos transcorridos: engaden á identificación xurídica da persoa algún rasgo distintivo que singulariza diante da sociedade; adoita ser inestable e ambiguo e case sempre de autoría anónima; adoitan ser herdados de xeración en xeración; en non poucas ocasións teñen sentido pexorativo basado en defectos físicos ou morais; case sempre van, no noso caso, precedidos polo artigo. Tan arraigado está na cultura popular que nin a alfabetización xeral, nin os medios escritos e televisivos son quen de menoscabar o seu uso. A onomástica non é dabondo para penetrar na complexidade do mundo dos alcumes, claves para a definición de identidades culturais, relixiosas, étnicas e sociais.

Obviamente, nunha vila mariñeira coma Rianxo abondan os alcumes relacionados coa pesca e co mar. Un bo número deles dan fe de oficios xa non exercidos ou en desuso: O Xoubeiro, O Ostreiro, O Veleiro, A Polbeirana, A Faroleira; outros, tamén relacionados co mar e a pesca, poida que comuniquen un sentido metafórico procedente dalgunha analoxía observada con peixes e bivalvos: O Berberecho, O Caramuxo, O Xouba, O Patudo, O Bucareu, O Solla, etc. Moitos, de certo, engaden e encerran algunha maldade sen deixar de ter relación co mar: A Cú de lura (Codelura), que garda un sospeitoso paralelismo, dada a veciñanza, con Os Cú de Ouro.

Sen saírnos do mundo do traballo no mar hai algún alcume que, xa desaparecido o obxecto ou actividade que o motiva, acaba desaparecendo entre as novas xeneracións. Tal é o caso do Encascador ou do Pandulleiro .

O oficio de encascador consistía en tinguir as redes brancas de marrón xa que era crenza xeralizada que os peixes non mallaban nas cores brancas. A solución era o tinguido das mesmas a base dun produto natural: as cascas dos pinos. Fervidas en auga, poñían esta dunha cor escura. As redes quedaban asulagadas nun pío varias horas e saían tinxidas completamente.

Unha gran pía de pedra, cun carreiro para a auga era o contedor dos aparellos, porque metíanse moitos de cada vez ata o punto de que cada rede levaba unha identificación, moitas veces un alcume, para que non houbese erros na recuperación. Cóntanme amigos que un dos encascadores últimos de Rianxo foi o pai do Reituxo, que vivía entre a casa de Papachín e a dos Cajetillas. Tiveron que pasar moitos anos para que comprendese a utilidade dos cargamentos de casca de pino nos pailebotes galegos procedentes de Formentera, unha das illas Pitiusas. O nailon procedente, na maior parte, de Xapón acabou cun oficio tradicional, xa non hai encascadores en Rianxo nin na Ría.

A mesma fortuna correron os pandulleiros dos que queda como testigo incomprendido o alcume dunha familia en Rianxo. O pandullo, mal definido no dicionario da RAG, é unha pedra riscada arredor para poder atala cun cabo. O pandulleiro era o encargado de pandullar dando golpes na auga con habilidade para evitar que os peixes se safen do aparello do chinchorro ou da secada. Este, tirado desde a praia por unhas cordas atadas ás pernas do cope, cando a cantidade de peixe era moita os peixes podían saírse do cope. Para evitalo, o pandulleiro, con grandes golpes da pedra na auga facía que os peixes non se arredasen das pernas e do cope.