As grandes metáforas cando son verdadeiras, conteñen máis significados dos que o seu autor pretendía ao concibilas, e poden dar lugar a interpretacións imprevistas e mesmo contrarias coas súas intencións. O Señor dos Aneis é un mito contemporáneo que deu lugar a lecturas opostas entre si, unha ambivalencia propia dos relatos dotados dun profundo sentido escatolóxico e ordenadas consonte a un esquema narrativo binario e maniqueo no que se enfrontan o Ben e o Mal. A disputa do usufruto para os propios fins ideolóxicos do relato de Tolkien vén de lonxe e forma parte mesmo das pintadas que no 68 denunciaban nas paredes a vixilancia do ollo panóptico de Sauron, propio das sociedades disciplinarias do capitalismo fordista, baixo a fórmula: Frodo lives! En parte, sabémolo hoxe, a súa denuncia de todo poder achanzou o camiño para un neoliberalismo —o de Hayek e Friedman, ambos os dous nobelizados— que definía como totalitaria toda intervención do Estado no Mercado, desde o keynesianismo de Roosvelt deica o comunismo practicado na URSS.

Apenas dúas décadas máis tarde, a disciplina torpe e ás veces brutal do estado normativo do capitalismo serodio deu lugar ao verdadeiro monstro que hoxe habitamos, o do Capitalismo en fase neoliberal, no que a Lei suprema no ámbito público, a maximización do lucro a curto prazo, colonizou por fin completamente os desexos e a vida psíquica individual que aspira tamén, en correspondencia co Amo-Mercado, ao maior consumo no máis breve prazo. As sociedades autoritarias dos anos 50 e 60 transformáronse no actual totalitarismo de mercado que chamamos Globalización. Sauron venceu na súa loita nun punto moi concreto e derradeiro da década dos 80, e o seu ollo míranos hoxe desde dentro, certificando a validez dos nosos desexos. Habitamos no imperio de Mordor, da máquina-mercadoría que goberna as nosas vidas dun xeito que nin soñaron os monarcas absolutos. Os cabaleiros de Rohán non compareceron na batalla final de Minas Tirith, pois selaran cun bico, o de Mao e Nixon no 73, a súa traizón definitiva a un Góndor soviético —pesado na industria e na disciplina, certo— pero que constituía a nosa última fronteira fronte ao dominio do imperio neoliberal da máquina-Mordor que hoxe prevalece.

Na nosa exexese d’O Señor dos Aneis non pode faltar un comentario ao papel dos Nazgul, eses non-mortos que son antigos reises do mundo dos homes, de Góndor ou Rohan por tanto, que prestan os mellores e máis fieis servizos ao seu señor Sauron. Perseguen con teimosía a Frodo e a banda do anel, pois saben que pretenden destruír unha orde dominada por unha máquina-mercadoría, Mordor, onde imperan a explotación do home polo home, a depredación da natureza e o constante conflito xeopolítico, é posible, mais lexitimada democraticamente pola forza do voto, que é a única que eles recoñecen. As máis afiadas invectivas contra Frodo e os seus veñen das súas columnas, sempre quintas, e obstínanse en negar que Sauron impera hoxe con todos os aneis por fin na súa man destra. Que Frodo morreu.