O 31 de outubro de 1517, Lutero cravaba na porta da Catedral Wittenberg as súas 95 teses contra as indulxencias e a corrupción romana dando comezo á Reforma protestante. Pouco despois, en 1525, estoupaba a Revolta dos campesiños alemáns contra os abusos da nobreza dirixida, entre outros, por un antigo discípulo de Lutero, Thomas Müntzer. Os campesiños proclamaban a igualdade radical entre os homes e os seus dereitos baseándose en argumentos tirados da lectura directa dos Evanxeos, tal e como Lutero lles aprendera a facer. Apelado polos príncipes e a nobreza alemá, que o apoiaran desde o comezo, Lutero acabou por intervir no conflito atacando con dureza a lexitimación teolóxica da revolta dos campesiños. Thomas Müntzer acabou sendo torturado e morto, a revolta dos de abaixo esmagada en poucos meses. A Reforma non ía ser unha Igrexa para os pobres: ao César o que é do César.

Outra interpretación da Biblia, a puritano-calvinista, escollerá preferentemente textos tirados do Antigo Testamento, co seu deus autoritario e guerreiro, para asentar unha nova relixiosidade predestinada e interior, individualista, na que Max Webber creu albiscar os fundamentos espirituais do Capitalismo. Mentres, o sur católico seguía detestando, baseándose nas razóns do dereito natural, a práctica da usura.

Aínda así, non cesarían de agromar na igrexa reformada novas revoltas populares baseadas na lectura directa dos sermóns de Xesús. Michelet, na súa Historia da Revolución Francesa, dinos que a caída do absolutismo foi obra dos hugonotes, maioritarios no terceiro estado. O movemento dos levellers e os diggers (sachadores) ingleses do XVII —tal e como nos ensinou E.P. Thompson— reocupaba terras expropiadas polos amos cos mesmos argumentos dos alemáns un século antes. Resulta imposible non relacionalos coa praxe e a longa loita dos campesiños brasileiros do MST, o Movemento dos Sen Terra, por unha reforma agraria que Lula rexeitou executar na súa primeira xeira no goberno. Non lle agradeceu a ultradereita o detalle. O MST, cómpre lembralo, ten unha matriz ideolóxica que provén de Paulo Freire, do Vaticano II e a Teoloxía da liberación.

Hoxe, que acabamos de retirar os restos dun xenocida como Queipo de Llano da Macarena, non podemos evitar a memoria da complicidade vergoñenta da Igrexa católica co golpe do 36 e a ditadura que o seguiu. Mais esa non é a súa única posibilidade. Existen nas dúas tradicións, na Católica e na Reformada, unha igrexa para os ricos e outra para os pobres como vimos nas pasadas eleccións brasileiras, onde a facción popular da Igrexa católica enfrontou na area política a parte reaccionaria das igrexas reformadas, coa súa retórica importada do televanxelismo norteamericano.

Así, a interpretación puritana da Biblia, que considera a riqueza terreal un anticipo da graza divina, torceu polo post-fascista Bolsonaro, e mesmo reclamou un golpe de estado do exército para restauralo no poder, como fixo de xeito infame Donato. Mentres, a igrexa católica, a do Papa Francisco non a da COPE, votou no Lula maioritariamente. Ás veces, os pobos escriben a súa Historia coas mesmas palabras do texto revelado.