Con este título publicou no ano 1926 Rafael Dieste un artigo en El Pueblo Gallego, que forma parte dunha das máis delicadas historias da amizade entre o autor e o seu veciño e poeta Manoel Antonio. E, como se dunha especie de secreta misiva periodística se tratase, deseguida vai ter resposta literaria por parte do autor do poemario De catro a catro. Máis de 53 anos despois da súa publicación este artigo será exhumado polo propio autor cando a comisión de festas do Carme de Rianxo lle pide unha colaboración para un folleto anunciador e Rafael Dieste envíalles o devandito artigo coa dedicatoria En lembranza de Manuel Antonio. Malia que 1979 foi o ano que a Academia Galega lle dedicou o Día das Letras Galegas ao seu amigo, cumpre reflexionar sobre as causas polas que Rafael Dieste escolle este concreto artigo de entre os máis de cento vinte colaboracións que escribe en galego na prensa viguesa dos anos vinte.

O brevísimo artigo que Dieste lle dedica ao seu amigo, 182 palabras exactamente, recolle crípticamente claves e intimidades compartidas froito, sen dúbida, das intensas conversas e controversias que mantiveron durante moitas horas en Rianxo, en Santiago e en Vigo, lugares emblemáticos dos seus encontros. Dieste, que acaba de ingresar nas páxinas de El Pueblo Gallego, procedente das máis familiares e amigas da Galicia de Paz Andrade, sabe dabondo da xenreira que o seu amigo sente polo xornal de Portela Valladares. O título é un xesto de complicidade co amigo para advertirlle da súa perspectiva persoal: observar o mar, as estrelas, escoitar os silencios da noite estrelecida. Manoel Antonio acababa de embarcar había pouco máis dun mes no Constantino Candeira, é por esto que o balcón mariñeiro “viu alá no medio da badía un navío branco, de moitas velas que parescía deserto, pero ouvíanse músicas”. Tamén o balcón mariñeiro é quen de ouvir os amores de dúas ondas e entender o que lle dicía un can á lúa, tema recorrente na poesía do amigo, ou identificar o autor que dera unha coitelada que ninguén vira. Todo son episodios e lecturas compartidas da biografía da amizade entre os dous amigos. Empezando polo símbolo dese balcón emblemático que xa coñece anticipadamente o piloto en prácticas e que dará como resultado a obra A Fiestra Valdeira, unha ventá onde pode estar o mundo todo, como pode estar a vida no peto dos ollos cegos, tal como lle di a Dieste un amigo e certifica o propio Manoel Antonio nun poema.

É fácil percatarse do paralelismo establecido entre un poeta acobadado no barandal dun pailebote contemplando o mar e as estrelas no silencio da noite e un escritor que contempla o mar desde un balcón que divisa o mesmo mar e as mesmas estrelas no silencio da noite.

Probablemente, debruzado na fiestra do balcón da súa casa natal, agora xa convertido en galería, lembra o amigo con nostalxia daquela xuventude de esperanzas.

Non tarda en responder Manoel Antonio introducindo, ao regreso da súa primeira singradura, unha forzada digresión no final dun relato que titula A novela de Ramón Cruceiro no que escribe estas palabras despois de dar fe da súa fidelidade á vila rianxeira:

“Un meu amigo poeta escribeu a historia d´unha onda do mar e a hestoria d´unha raiola de sol; e aínda un día quixo sorprender-me c´a sua cartoliña onde puña debaixo d´o nome “Cronista d´a cabeleira de Berenice”. O balcón mariñeiro é outro ronsel, apenas visible, dunha amizade indeleble.