Este próximo ano 2023 cúmprese un século do pasamento de Manuel Murguía. A súa figura, pequena de corpo e moi grande de significado, paira maxestosa sobre a nosa historia cultural e política desde os anos 50 do XIX até os 20 do XX. A despedida que lle tributou A Coruña é unha das máis impresionantes da historia.

Aínda que existen zonas de sombra na súa biografía, hoxe podemos reconstruír unha panorámica dos seus días e das súas obras. Compartiu con Rosalía de Castro tres décadas intensas, unha familia, moitos proxectos e á memoria e grandeza dela dedicou, cos seus erros e acertos, unha morea de esforzos.

Home de inmensa cultura, lector infatigábel, enérxico polemista, auténtica enciclopedia galega, combinou a militancia galeguista e progresista para ser un dos grandes xornalistas e escritores da súa hora, o historiador da nación galega por excelencia, un conflitivo funcionario de arquivos e bibliotecas, a cabeza visíbel do rexionalismo e o primeiro presidente e dinamizador da Academia Galega.

Viviu etapas de estreiteces económicas que superou coa axuda da emigración galega en Cuba, das deputacións galegas e sempre sustentado nunha extensa rede de amigos e colaboradores, algúns con moito poder e influencia.

Ademais de centos de artigos nas publicacións máis significativas do seu tempo, galegas, españolas e americanas, dunha montaña de cartas, de varios prólogos, escribiu un conxunto de libros que superan as 7.000 páxinas. Entre eles os cinco tomos da Historia de Galicia complementados co monumental Galicia, o estudo sobre El foro, o Diccionario de Escritores, El regionalismo gallego, El arte en Santiago durante el siglo XVIII, Diego Gelmírez ou Los trovadores gallegos. Da súa obra de creación, xunto coa novelística dos anos xuvenís, merece destacarse En prosa. Non podemos esquecer a singularidade do seu libriño para as escolas La primera luz nin Los Precursores, memoria da súa vida e do seu tempo.

A vida de Murguía nunca foi fácil. Orfo de nai con 11 anos, enfrontado ao seu pai, padeceu a ferida que lle supuxo primeiro a morte do seu irmán Nicolás, con tan só 25 anos, logo a da propia Rosalía e aínda a de tres dos seus fillos, Ovidio, Amara e Adriano. En moitos momentos da súa vida foi obxecto de ataques, a el ou á súa obra e ideario.

A todo isto podemos sumar múltiples cambios de enderezo, obrigadas separacións da súa familia e moitas viaxes, primeiro en dilixencia, entre Madrid e Galiza que naqueles anos eran auténticas odiseas.

Cen anos despois, a súa biografía intelectual non perdeu interese para sabermos máis de nós mesmos, para calibrar a valía das súas achegas e dos seus devezos, sempre encamiñados no servizo a Galiza e na defensa dos seus intereses, dignidade e soberanía.

O profesor Barreiro Fernández, entre outros valiosos traballos, escribiu unha monumental biografía de Murguía de 1.000 páxinas. É un exemplo magnánimo de entrega, de rigor, de cultura e de galeguismo que nos ha guiar neste centenario.