“Nós tiñamos unha finca de dez ferrados de sembradura e non podemos reghar nada. Quedamos sin augha, sin monte e sen todo. Sen ovellas”. Láiase a vella que fala na primeira escena d’O monte é noso, o documental do realizador valenciano Llorenç Soler publicado en 1977 e dispoñible de balde na Rede. Nel cóntannos a través de varias voces o proceso de expropiación do monte en man común —unha forma de propiedade da terra que ten a súa orixe no dereito xermánico— por parte do estado franquista, que o converteu en propiedade pública de titularidade municipal. O que antes era da parroquia —que facía nel distintos usos: pasto para o gando, forestal, etc.— pasa a ser do concello, e de uso unicamente forestal, eucalipto, o que provocaba a seca das fontes e acuíferos que denunciaba a vella na escena inicial. Dos réditos da venda da madeira nada saben os veciños, os antigos comuneiros que non ven un peso do negocio. A peza de Llorenç Soler resulta admirable por moitos motivos. Pola conxunción, tan propia da época se pensamos en Jordá, Portavella, Ruiz Vergara ou Martín Patino, entre arte militante e vangarda. Polos seus valores etnográficos e mesmo lingüísticos se reparamos na presenza unánime da nosa gheada, patrimonial, popular e milenaria.

Resulta imposible non establecer un paralelismo entre aquela expropiación do monte comunal para o público coa expropiación en curso do mesmo monte de propiedade comunitaria ou pequena, neste caso, para uso exclusivamente privativo e lucrativo por parte do oligopolio enerxético. Aí si están de acordo a Xunta e o Estado, o PP e o PSOE, en facer de Galicia un gran parque eólico de titularidade privada con casas dentro. Pasamos do capitalismo estatalista do franquismo a un capitalismo neoliberal, que pon o que era de todos en mans privadas con exquisita lexitimidade democrática: os roubos consentidos non parecen roubos.

En contra do que nos din, os parques eólicos non xeran case emprego directo no seu mantemento nin tampouco indirecto, dado que, por mor da unidade do mercado, Galicia non pode tirar proveito ningún do seu carácter de zona produtora e paga o mesmo prezo pola súa luz que Madrid, o seu destino principal. Sobre os efectos innegables do impacto visual de ter unha torre de 250 metros de altura a 500 metros da casa nada se di, a pesar de que é evidente que resulta na desvalorización das propiedades inmobles actuais ou futuras. O impacto dos parques eólicos mariños vai ser, se cabe, máis lesivo aínda, pois a súa afectación sobre zonas de pesca e caladoiros vai provocar o peche inmediato de parte da frota de baixura, a perda de milleiros de empregos, a turistificación da nosa costa. Pero aquí tampouco Rueda e Ribera discrepan o máis mínimo, unidos como están en abrazo fraterno: a costa galega, coa escusa de Putin, hai que entregarlla canto antes aos grandes señores do sector enerxético. Llorenç Soler morreu hai uns días ante o silencio xeral do país que amou e retratou. Vergoña.