Entre 1601 e 1606 Felipe III, a instancias do seu valido, o duque de Lerma, trasladou a capital do reino hispánico, daquela imperio, a Valladolid. As razóns da mudanza son máis ben escuras ou especulativas, e a meirande parte delas coinciden en sinalar o duque como unha sorte de pioneiro na arte española do enriquecemento súbito por antonomasia: o pelotazo urbanístico. Un visionario o duque. A cuestión, relatan as crónicas, é que a perda da capitalidade provocou un verdadeiro éxodo da antiga vila e corte. As casas caían a cachos, e quen máis quen menos buscaba a maneira de vendelo todo e trasladarse canto antes á cidade do Pisuerga. Eran os tempos, cómpre lembralo, da Unión Ibérica, e Felipe III era o titular tamén da Coroa portuguesa e o seu xigantesco imperio de ultramar.

Lisboa, igual que Madrid, esmorecía naquela altura privada da Corte e do correspondente monopolio do poder político e as regalías económicas derivadas. Non esquecería nunca Portugal a custosa lección e acabaría por incorporar o trauma mesmo ao refraneiro popular: da Espanha, nem bom vento nem bom casamento, conxunción maxistral das razóns da xeopolítica e da meteoroloxía. Madrid recuperou pouco despois a capitalidade —previo pagamento dunha xenerosa cantidade en concepto de suborno ao factótum da época, o duque de Lerma— e nunca esquecería tampouco a proba da súa dependencia económica da capitalidade política do reino, que Díaz Ayuso actualizou hai uns cantos meses baixo fórmula: Madrid es España y España es Madrid. Non sabía canta razón tiña. Máis da conveniente.

A capitalidade, o poder político que tamén é o militar cando fai falta, outorgoulle a Madrid unha enorme vantaxe na concorrencia económica no seo do estado español e é a razón primeira e case única da súa actual primacía. Todo, desde o trazado das vías de comunicación, as grandes institucións civís, administrativas, artísticas e académicas obedece a esta concepción centralista e colonial do estado da que tan pouco se fala. Abonda con contemplar a competencia feroz pola sede dunha axencia minúscula, como é a da AESIA, a da intelixencia artificial, para comprender a importancia das que permanecen en Madrid desde a orixe dos tempos, e que son practicamente todas.

Por iso supuxo unha verdadeira conmoción para eles saber que o goberno luso ten como prioridade conectar Lisboa con Galicia por alta velocidade, e non con Madrid. Tanto é así, que ata Pedro Sánchez rexeitou apoiar o proxecto en público o que equivale, na práctica, a boicotealo. Como era posible semellante aldraxe á hexemonía madrileña? Pregúntanse na Corte con outros termos, pois eles non tiveron nunca necesidade de inventar o equivalente ao noso concepto político de aldraxe. Na Xunta, gobernada por un partido madrileñista ata á médula como o PP, fican tamén calados e incómodos ante esta noticia, non vaia ser que os acusen, precisamente a eles, de rexionalistas ou mesmo separatistas. Mentres seguen derrubadas as pontes sobre a A-6 sen máis culpables que o señor formigón, miramos cara ao noso sur, Lisboa, que nos devolve por fin a mirada.