Con este título familiar procedente sen dúbida do seu círculo amigable fomos convocados o pasado 18 de novembro no auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo para conmemorar o pasamento do Darío Xohán Cabana con ocasión do seu cabodano. E, abofé, que poucas veces cobrou tanto sentido a palabra “conmemorar”, de recordar en compañía doutras persoas, nun acto cívico, íntimo, afectivo e cordial. Semella un milagre que despois de ter intervido máis de trinta persoas resultase ao final breve e amena a lembranza.

Teño para min que para lograr este resultado son necesarias moitas horas de traballo e de afectos, visibles e percibidas, as primeiras, na sinxeleza do acto que discorreu animado pola palabra respectuosa, inspirada, que non apuntada, discretamente pola vida de Darío e do seu clan. Ata as intervencións musicais, tan disonantes noutras ocasións, se converteron nunha voz coral acordada e harmoniosa co conxunto. E como non, o afecto estivo presente desde o título da convocatoria, que fuxiu de toda retórica, ata a presenza final no escenario de Leonor, a neta de Darío, que recibiu como agasallo o abrazo respectuoso do público en forma de aplausos, que tamén eran acenos para o seu avó. Todos sentimos esa sensación de transmisión, de elo que estaba a exercer a nena de Darío. Un colofón humano e sentimental para un libro, o acto, con deseño sobrio pero cheo de dignidade.

As intervencións, sen aparente premeditación, evocaron todos os chanzos da vida de Darío: episodios das súas vivencias cotiás descoñecidas para a maioría dos asistentes, afeccións, as celebracións familiares, as dedicatorias, as miradas, a militancia e a creación literaria como anhelos para construír unha patria solidaria, o traballo de cada día, a conversación e as lecturas e tamén, porque forma parte da vida, a enfermidade última conversada e asumida. E alá onde non puido chegar a mirada da amizade, unha serie de textos literarios, poéticos ou narrativos, achegáronnos oportunamente a todos os presentes o pensamento íntimo de Darío desvelando facetas recónditas e inaccesibles.

Foi certamente grato oír tantas voces de persoas amigas de Darío que comunicaron cariño e admiración sen necesidade dunha cita allea, sen pedanterías e arabescos creando unha atmosfera cordial que flotou no ambiente durante a hora e media que durou a xuntanza.

Sen dúbida un dos maiores acertos que contribuíu a crear esta difícil fraternidade despertada entre os presentes no acto foi a ausencia de intervencións institucionais e oficiais, sempre mediatizadas, no mellor dos casos, por unha retórica fatigada; as institucións teñen estatutos pero non teñen corazón nin sentimentos. Librámonos mediante esta, supoño, premeditada ausencia de institucións dun acto lúgubre, rutinario e decepcionante como adoitan ser moitos aos que temos asistido.

Mesmo a escenografía, cinco cadeiras, un atril e un banco de madeira que sostiña un retrato enmarcado de Darío e unha rima de libros, deunos a impresión dunha especie de convite silente a ler e dialogar arredor amistosamente. Soamente ao remate do acto soubemos que o carpinteiro que converteu a madeira dunha árbore en cadeira común e fraternal foi Darío Xohán Cabana. Sen boato, sen ostentación, en Lugo, nunha noite fría e chuviosa, brillou a humildade da palabra. Beizón, Darío.