Abonda con ler do Código Civil de 1822 os artigos 188, que declaraba traidor e castigaba coa pena de morte a quen quixera atentar contra a Constitución ou disolver as Cortes, e o 191, que lle impuña a mesma pena a quen lle aconsellase ao rei facelo, para entender de quen pretendían preservar o réxime constitucional os lexisladores do Trienio: de Fernando VII e dos absolutistas. Os liberais daquela altura semellaban por fin escarmentados da lección de 1814: derrogación inmediata da Constitución de Cádiz e retorno ao absolutismo tras da volta do Desexado. A mágoa é que, aínda que leran moito a Rousseau e a Montesquieu, non leran case nada a Robespierre: un ano máis tarde, en 1823, Fernando VII traizoaba de novo o pacto constitucional e restablecía as cadeas do Antigo Réxime auxiliado por un exército francés, o dos Cen mil fillos de San Luís, que entraba na península por Navarra. A represión dos monárquicos sería, esta si, feroz e sistemática. Moitos dos liberais foron mortos, encarcerados ou exiliados nun período que Galdós retrataría nos seus Episodios Nacionales baixo o título de El terror de 1824. Non esaxeraba. Aínda así, como demostrou Josep Fontana, a crise económica e a débeda pública acabaron obrando por abaixo o que os liberais non deron feito desde o goberno: o final do absolutismo.

O delito de sedición aparece por vez primeira na lexislación española nese código penal de hai 200 anos e conserva unha redacción semellante no de 1995, incluído o termo “tumultuario”, que implica o uso da forza. Case exactamente un século despois, no 36, os sucesores directos dos antigos absolutistas volveron levantarse en armas contra a legalidade constitucional, agora republicana, auxiliados por un exército que entraba na península esta vez polo sur: os regulares do africanista Franco. Á vista da súa longa tradición de traizón e sedición resulta grotesco escoitar hoxe no Congreso os deputados da dereita e ultradereita española acusar de traizón a Pedro Sánchez por rebaixar a pena dun delito que eles levan perpetrando de xeito contumaz os últimos dous séculos. Son o xusto corolario das leis de punto final da Transición e das súas políticas culturais do esquecemento que chamamos movida: a dereita pode hoxe levantar o seu dedo acusador investido de total pureza constitucional, eles que levan toda a vida practicando xusto o contrario.

Fai ben o goberno ao mudar o Código Penal mais non vai ser dabondo. O problema segue estando no mesmo lugar: un texto constitucional sacralizado e, na práctica, irreformable sen o acordo dos dous grandes partidos, como se puido comprobar na reforma exprés do 135. Naquel acto, o estado español demostrou estar disposto a ceder canta soberanía fixera falta por arriba para manter a confianza da UE e, sobre todo, do BCE. Mais cara ao interior, a nación única e indivisible segue a ser o dogma e non existen mecanismos acordados para a secesión no mesmo intre no que Escocia comeza os trámites para o referéndum, o segundo en menos dunha década.