Opinión

Cultivos de interior

Semella que canto máis tempo pasa en Madrid máis vai murchando aquel antigo prestixio de home de estado que decote acompañaba a Feijóo de portas adentro do Padornelo. Pode ser que os aires da meseta que lle senten mal, finalmente el que naceu na confluencia de tres ríos de gran caudal —o Miño, o Sil e o Búbal— non se debe afacer ben á ribeira seca e fatídica para os galegos do Manzanares. Hai quen empeza a sospeitar tamén que o mérito da súa virtude administrativa non era máis ca un mito, unha lenda local alimentada por uns medios xenerosamente cebados con abundancia de fondos públicos, así como pola tremenda forza social dun partido que se mimetizou co estado en Galicia ata tal punto que a xente acabou por chamarlle Xunta ao que en realidade é o PP, e viceversa. Tampouco os datos macroeconómicos, nin os de creación de emprego, nin os demográficos nos últimos 13 anos, que deberan ser o sustento argumental dun tecnócrata comme il faut, dan para defender lonxe da casa os rendementos obxectivos dun modelo, o neoliberal, que Feijóo defendeu e implantou en Galicia co fervor dogmático dun alumno directo de Friedman no Chile dos segundos 70, fronte ao capitalismo paternalista do seu predecesor, o patriarca vilalbés. Pronto houbo que rectificar os resultados catastróficos da externalización parcial da sanidade pública mediante a fórmula dos concertos, o que sen dúbida contribuíu ao estado lamentable do Sergas na actualidade.

Pode ser, pensan os máis malpensados, que outra das claves para entender o fenómeno Feijóo sexan as comenencias da política madrileña, onde o PSOE e o seu mundo editorial botaba man del cada vez que precisaba deixar en evidencia a debilidade do liderado de Casado e a súa esquizofrenia ideolóxica, exacerbada pola aparición de Vox. O mesmo xogo que antes o elevaba por temperado agora, con Ayuso aumentando cada día os decibelios e apelando directamente á Moncloa, tende a escurecelo pola mesma razón, e semella xa imposible reproducir de novo no o PP unha autoridade interna como a que gozou Aznar no seu día. Como máximo, pode aspirar a un liderado discutido, como sempre foi o de Rajoy, con Ayuso interpretando agora o mesmo papel que Esperanza Aguirre no seu día, unha versión plebea daquela contenda de exalumnos de colexio maior, en sintonía coa mudanza de elites dirixentes que leva acontecendo na vella dereita europea nas últimas dúas décadas, análoga á das casas reais, o que sen dúbida demostra o vigor do seu instinto de supervivencia.

Vai callando, en suma, a idea de que Feijóo acabou sendo unha sorte de planta ou cultivo de interior ao que non lle senta ben o clima da intemperie. Fáltanlle aquela calor constante da prensa amiga, o rego por pingueira de toda unha tribo de aduladores profesional, os pesticidas que o protexían dos ataques dunha oposición aquí sempre ausente, adormecida ou fragmentada, a obediencia cega, en fin, dun partido afeito á vitoria constante no limes galaico que non dá atopado a paz alén do túnel de Guadarrama.